Carta ao Director Xeral sobre o expurgo

28 de marzo de 2014

Alternativas na xustiza galega
Ante as condicións nas que se está realizando o expurgo xudicial nalgúns xulgados, dende Alternativas vimos de remitir a seguinte carta ao Director Xeral de Xustiza denunciando estas situacións e esixindo que se tomen as medidas correctoras para a correcta realización do expurgo.


Sr. Director Xeral de Xustiza de Galicia
Praza de Europa nº 5- 4º Andar
Santiago de Compostela


Durante todos estes anos foron constantes as denuncias, ante a DXX, a Inspección de Traballo e nos medios de comunicación, da situación caótica dos arquivos nos Xulgados de Galicia, e igual de reiteradas as veces que se solicitou a posta en funcionamento do expurgo.

Agora que por fin se toma a decisión de comezar co expurgo resulta 1) que non se negocia cos representantes dos traballadores, 2) que a Dirección Xeral non da a cara, ocultándose detrás dos Secretarios/as Coordinadores, 3) que os Secretarios/as Coordinadores asumen a través dos Secretarios Xudiciais o control dos traballadores, 4) que os traballadores están sendo ameazados con expedientes disciplinarios e obrigados a dedicar unha hora diaria –ou máis nalgúns casos- o traballo do expurgo 5) que se está a reducir nunha hora diaria –como mínimo- o tempo dedicado á tramitación dos expedientes e, polo tanto, ao Servizo Público da Xustiza. Todo isto en prexuízo da cidadanía que verá como a “xustiza” aínda se atranca máis.

Para Alternativas todo o anterior é vergoñento de por si, pero hai tres cousas que non vamos a permitir baixo ningún concepto.

A). Que os Secretarios Coordinadores asuman competencias das que carecen, tales como dar ordes os traballadores da Administración de Xustiza ou ameazar con expedientes disciplinarios, xa sexa de maneira directa ou a través dos Secretarios Xudiciais. Os funcionarios dependemos unicamente da Dirección Xeral.

B). Que a Dirección Xeral delegue as súas funcións nos Secretarios Coordinadores e moito menos que ignore os traballadores e os seus representantes.

C). Que se reduza unha hora destinada o Servizo Público da Xustiza en beneficio do Expurgo.

Por todo o antes exposto dende Alternativas esiximos á Dirección Xeral:

1.-A creación de equipos de traballo para a realización de todas as tarefas e funcións derivadas da informatización dos arquivos, do transvase de expedientes dos arquivos de xestión aos arquivos territoriais –como son a elaboración da relación de expedientes a transferir- e do expurgo.

2.-Que a dotación de persoal dos equipos de traballo, se faga mediante a creación de prazas de reforzo adscritas aos servizos de apoio ou decanatos ou mediante o sistema de prolongacións de xornada voluntarias e retribuídas.

3.-Que todos os membros dos equipos reciban a formación necesaria e axeitada ao labor a desempeñar.

Dende Alternativas, como delegados electos dos traballadores, ante este novo ataque ós seus dereitos, mentres a DXX non negocie unha saída a esta situación- comezaremos una campaña de asembleas nas que pediremos ós traballadores que ralenticen as tarefas do expurgo, así mesmo tomaremos as medidas de presión que consideremos necesarias, que se decidirán nas asembleas cos traballadores.

Galicia, 26 de marzo de 2014

Asdo. Pablo Valeiras Rios