Comunicado de Alternativas sobre o "expurgo"

27 de marzo de 2014

Alternativas na xustiza galega
Ante o intento da Dirección Xeral de Xustiza (DXX) e dos Secretarios Coordinadores Provinciais de impoñer aos traballadores o expurgo de expedientes dende o ano 1980 ao 2000, dende ALTERNATIVAS-XUSTIZA pedimos os traballadores que ralenticen ou paralicen a introdución de datos no programa mentres:

- A Dirección Xeral de Xustiza, única responsable dos empregados públicos da Xustiza de Galicia, cre os equipos de traballo necesarios para a realización destas funcións con:
  • Funcionarios de reforzo que realicen de maneira especifica este traballo. 
  • Ou a creación dun sistema de prolongacións de xornada (330 € xestores, 270 € tramitadores e 240 € auxilios) voluntarias entre os traballadores que estean dispostos a facer o traballo do expurgo. 

A non paralización ou ralentización do traballo do expurgo mentres non se negocia coa Dirección Xeral calquera destas medidas significa, de facto, o seguinte:

  • Recoñecemento implícito de que na xornada laboral (7 horas) se pode facer o traballo diario e o expurgo á vez. 
  • Que as medidas de reforzo que existen actualmente en certos xulgados (xulgados do social, xulgados de preferentes, xulgados penais, etc) poderán ser suprimidas unha vez finalice o expurgo co patético argumento “sóbralle tempo aos traballadores xa que fan as dúas cousas (expurgo e traballo) na xornada ordinaria” .
  • Que se roube tempo destinado ao servizo público, e por tanto á cidadanía, para facer un traballo que non redundará directamente sobre este e que terá como consecuencia aumentar, aínda máis, o atraso na tramitación dos expedientes xudiciais. 
  • Asumir que os Secretarios Coordinadores teñen capacidade de decidir sobre as nosas funcións, dereitos e obrigas. 

Dende Alternativas-Xustiza, como delegados electos dos traballadores:

  • Poñémonos á vosa disposición para realizar asembleas onde o consideredes necesario.
  • Remitimos carta o Director Xeral exixindo a creación dun equipo de traballo con funcionarios de reforzo que realice este traballo, ou subsidiariamente, e sempre que existan voluntarios, a desenvolver un sistema de prolongación de xornada entre os funcionarios.
  • De non aceptar algunha destas medidas convocaremos os traballadores para realizar medidas de presión contundentes.