Algo cheira mal na Dirección Xeral de Xustiza

10 de abril de 2014

Alternativas na xustiza galega
Bos días dende Alternativas-Xustiza.

Reproducimos a carta remitida á Dirección Xeral de Xustiza en relación coa ocultación de prazas vacantes que non aparecen no listado "definitivo" de prazas para o concurso de traslados.


Sr. Director Xeral de Xustiza
Praza de Europa nº 5- 4º Andar
Santiago de Compostela


Di unha canción de Siniestro Total que “algo huele mal en Dinamarca” e nós dicimos que “algo cheira mal na Dirección Xeral de Xustiza de Galicia”:

Estabamos habituados os esquecementos, nestes últimos dez anos, da normativa referida á Conciliación na vida laboral e familiar. Non deberíamos ter que explicarlle que unha das máximas necesarias para poder alcanzar a conciliación da vida laboral e familiar pasa por que as familias podan estar xuntas.

Durante estes anos foi constante, ano tras ano, o “mesmo erro” ou “mala fe” ao non ofrecer nos concursos as prazas que figuran como reforzo dende hai máis de dous anos.

Para moitos traballadores, e para Alternativas, calquera xulgado ou servizo que teña prazas de reforzo durante dous ou máis anos non ten un problema conxuntural senón que ten un problema estrutural, e polo tanto hai que poñerlle unha solución definitiva, e isto pasa por converter o reforzo nunha praza do cadro de persoal.

Pero ao que non estabamos acostumados era a ver como se “esconden” ou “achantan” prazas que están vacantes pola xubilación do funcionario para, a pesar diso, non ofrecelas no concurso de traslado (por exemplo, praza de xestión na sala do Contencioso do TSXG)

Este tipo de formas de actuar non fan máis que botar leña ao díxome, díxome: “esta praza gárdana para dar unha comisión de servizo a un enchufado”, “é para cubrir un erro da Administración”, etc...

Nós descoñecemos os motivos reais para esconder esa praza, polo que, a falta de explicacións cribles, exiximos a esa Dirección Xeral de Xustiza a súa inclusión no concurso de traslados para que podan optar a ela todos os traballadores e así evitar sospeitas de que algo cheira mal na Dirección Xeral de Xustiza.

Tamén aproveitamos para reiterarlle a petición, que fixemos por carta o pasado día 20 de marzo, de que se oferten no concurso de traslados todas as prazas vacantes, entre elas as seguintes:

Xestión do xulgado mixto nº 1 de Vilagarcía de Arousa, o xulgado mixto nº 1 e (VSM) da Estrada, ou servizo de atención ao cidadán e ás vítima de Lugo, a de Tramitación do primeira instancia nº 5 (familia), así como os reforzos de longa duración para a súa consolidación e calquera outra praza que exista.

Galicia, 09 de abril de 2014

Asdo. Pablo Valeiras Ríos
Voceiro de Alternativas na Xustiza



Carta remitida á Dirección Xeral de Xustiza
Preme na imaxe para ampliala