Cara á fronte común contra a supresión dos partidos xudiciais

23 de abril de 2014

Plataformas, reunións e postas en común de alcaldes e futuras frontes comúns. Iso é o que se está a preparar en Galiciacontra o anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX) aprobado polo Consello de Ministros a principios deste mes e que prevé facer desaparecer os partidos xudiciais e que a sede de cada un deles quede na capital provincial.

Xuntanza dos alcaldes contra a reforma xudicial © Concello de Carballo
De aprobarse a norma, eliminaríanse os 45 partidos xudiciais que hai actualmente no país, que serían substituídos por tribunais provinciais de instancia cinguidos tan só ás capitais de provincia. Acabaríase así cos de cidades tan importantes como Compostela, Ferrol ou incluso Vigo, a urbe máis habitada e a que más causas instrúe no país. Pero tamén se acabaría cos catorce da provincia da Coruña, os nove nos que se dividen Lugo e Ourense e os trece de Pontevedra. Betanzos, Ortigueira, Muros, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Verín, Xinzo, O Carballiño, Vilagarcía, Cambados, Marín ou Tui serían algunhas das vilas que quedarían sen estas unidades territoriais xudiciais que integran diferentes municipios limítrofes e que adoitan respectar na medida do posible o modelo territorial comarcal de Galicia. Os tribunais de instancia, con sede en cada capital provincial, tan só terían subsedes ou salas noutras cidades en casos moi excepcionais.



Plataformas comarcais en defensa dos partidos xudiciais foron creadas xa, ao tempo que alcaldes unen forzas contra a reforma

Diversas plataformas en defensa do partido xudicial da vila -como en Verín ou Xinzo- foron creadas xa, ao tempo que son varios os partidos que están a presentar mocións en diferentes concellos nas que se pide un pronunciamento das corporacións locais solicitando a retirada do proxecto do Partido Popular. Ademais, este martes, unha convocatoria aberta en Ourense a todos os partidos, organizacións sociais, colectivos, cidadáns e colexios profesionais procura unha fronte común na provincia contra este anteproxecto. Unha resposta unitaria que pretende espallarse tamén a toda Galicia contra unha medida que non contenta a ninguén, nin moito menos a avogados, procuradores, funcionarios xudiciais, xuíces ou fiscais, que tamén amosaron o seu rexeitamento.

O primeiro paso deuse tamén este martes en Carballo, cuxo Concello acolleu unha xuntanza dos alcaldes de Corcubión, Arzúa, Betanzos, Ordes e da propia localidade e á que estaban convocados todos os rexedores dos municipios da provincia con sede xudicial, agás os das tres grandes cidades. Todos eles acordaron elaborar un manifesto que será a base dunha moción que levarán a todos os concellos cabeceiras de comarca para amosar o seu rexeitamento á proposta, unha iniciativa que se estenderá logo ao resto de municipios afectados, sexan ou non cabeceira comarcal.



O alcalde de Carballo, xunto aos de Corcubión, Arzúa, Betanzos e Ordes, artellan unha fronte común contra a supresión dos partidos xudiciais

Reclamarán "o mantemento dos partidos xudiciais da provincia, repectando as especiais características de Galicia en materia de dispersión xeográfica e mobilidade" que consideran que ignora o anteproxecto. O obxectivo é que a moción sexa aprobada nos plenos e "se implique así a todos os veciños de veciñas, xa que os afectados e afectadas son todo o conxunto da cidadanía", asegura o rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, que en conversa con Praza alerta de que a medida do Executivo central "teima en afastar a xustiza do cidadán e supón unha traba máis logo de que se impuxesen as taxas xudiciais".



"O único que se pretende é reforzar o poder provincial e o centralismo, sen ter en conta a realidade galega de dispersión territorial"

"O modelo de axilización da xustiza nunca debe pasar pola eliminación de xulgados de primeira instancia. O único que se pretende é reforzar o poder provincial e o centralismo, sen ter en conta a realidade e particularidade galega de dispersión territorial", di Ferrero. "Galicia ten unha determinada maneira de se asentar territorialmente e a distribución dos servizos do Estado debe obedecer a este modelo. Centralizar todo en capitais de provincia é un disparate e non se pode entender desde unha mente pegada ao territorio", insiste.

O alcalde de Carballo ten claro que a creación de frontes comúns contra este anteproxecto debe estenderse a máis concellos e máis provincias ata conseguir unha resposta unitaria galega "porque esta é unha problemática global para Galicia". "Pedímoslle ao Ministerio de Xustiza que rectifique e á Xunta que asuma competencias para que eses modelos futuros atendan a criterios válidos, funcionais e reais", reclama Evencio Ferrero, que advirte de que o anuncio do Executivo de Feijóo de que loitará porque non desaparezan os partidos xudiciais das cidades de Ferrol, Compostela e Vigo "non resolve o problema para nada". "Este é un problema de accesibilidade á xustiza por parte de cidadán e non se arranxa nada se en lugar de catro sedes xudiciais hai catro porque en Galicia hai máis de 40 partidos", lembra, tras revelar que, segundo datos oficiais, tan só nos xulgados carballeses hai 7.000 casos "vivos". No de Betanzos, por pór outro exemplo, xestiónanse case 9.000 causas.



Os alcaldes advirten de que a reforma "afasta o cidadán da xustiza" pero supón tamén un grave prexuízo "para a economía das comarcas"

Pero ademais, o alcalde de Carballo, ao igual que os presentes na xuntanza e outros moitos contrarios á reforma, advirten de que o prexuízo non é só para os dereitos fundamentais dos cidadáns, senón tamén "para a economía de moitas comarcas". "É moi importante o que xera un servizo como o xudicial nunha zona; á marxe dos empregos directos en risco (en Betanzos, por exemplo, traballan case medio cento de persoas en catro xulgados), tamén se crean moitos outros indirectos como peritos ou os que dependen de establecementos comerciais ou de servizos", alertan. Ao tempo, de consumarse o anteproxecto, "favoreceríanse aos grandes bufetes de avogados provinciais e ás grandes empresas". "É unha concepción atentatoria contra un reparto máis xusto... E non só do dereito á xustiza", insiste Ferrero.

Por outra banda, o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, quixo exemplificar o que suporía para algúns veciños suprimir os xulgados das comarcas. No caso da súa localidade e da contorna, os cidadáns "deberán percorrer arredor de cen quilómetros de ida e outros tantos de volta para poder realizar xestións xudiciais, xa que o servizo máis próximo estará na Coruña". Ademais, Ramón García, rexedor de Betanzos, cre que este anteproxecto de lei "non só afecta as cabeceiras comarcais" xa que é "un cambio cuantitativo de consecuencias incalculables" que repercutirá "en toda a poboación".


Publicado o 22/04/2014 en www.praza.com