Modificación da Orde sobre selección e nomeamento de interinos

24 de abril de 2014

Diario Oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia número 78, do 24 de abril do 2014, publícase a ORDE do 8 de abril de 2014, da Consellería de Presidencia, pola que se modifica a Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.


Ligazón permanente


Texto da Orde

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios interinos, que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se fose o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de interinos, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se fose o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á cal lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

De conformidade coa normativa citada, mediante a Orde do 28 de novembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 234, do 9 de decembro) regulouse a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A citada orde do 28 de novembro de 2013 establece os supostos nos cales non se produce a exclusión das persoas integrantes nas bolsas de interinos, supostos estes que foron ampliados respecto da regulación anterior, posibilitando, por unha única vez, a suspensión nas devanditas bolsas daqueles candidatos que así o soliciten por desenvolver unha actividade profesional no sector público ou privado, non prevendo, porén, esta posibilidade cando a actividade desenvolvida sexa no ámbito da Administración de xustiza.

Coa finalidade de establecer esta posibilidade, logo da negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Un. Na letra f) do punto 2 do artigo 16, onde di: «...f) Actividade profesional fóra do ámbito da Administración de xustiza, no sector público ou privado...», debe dicir: «...f) Actividade profesional no sector público ou privado...».

Dous. No punto 4 do artigo 16, onde di: «... Neste caso aplicarase o disposto no número anterior», debe dicir: «… Neste caso aplicarase o disposto nos números 2 e 3 anteriores».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014