Queremos Galego convoca oito manifestacións simultáneas o 17 de maio, Día das Letras

22 de abril de 2014

'Un paso adiante e outro adiante, Galiza' será o lema da mobilización, en homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro.


Queremos galego
Oito protestas convocadas pola plataforma Queremos Galego percorrerán as rúas das principais cidades galegas e da bisbarra da Mariña lucense o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, nunha mobilización "expansiva" que busca "multiplicar" a defensa da lingua galega.

Co lema 'Un paso adiante e outro adiante, Galiza,' un verso adaptado do poema 'Penélope' de Xosé María Díaz Castro (homenaxeado este ano), as marchas arrancarán simultaneamente ás 12.00 horas nas sete cidades galegas e na localidade de Foz, aínda que a plataforma aínda apunta a posibilidade de que en próximas xornadas que produzan novas adhesións noutros municipios.

Susana Méndez, coordinadora da plataforma, destacou en rolda de prensa que este ano dan "unha pequena volta" ao formato das protestas para intentar "multiplicar por oito" a defensa desta lingua "milenaria" e así dar un novo "paso adiante" tras o éxito das pasadas convocatorias

Tamén presente no acto, Marcos Maceira, único candidato a novo presidente de A Mesa pola Normalización, considerou que calquera avance no país "ten que contar sempre coa lingua galega", que permite "avanzar conxuntamente e que ninguén quede atrás".

Así, lamentou que "o único" que atendeu o Executivo tras as anteriores mobilizacións foi "unha sanción económica" á plataforma, mentres que o Goberno central continúa rexeitando o galego como lingua para abordar as relacións coa Administración.

Por iso, decidiron "responder por oito" a estas actuacións e chamou "a todas as persoas que defenden o país e lingua" a participar nestas protestas en defensa dos "dereitos" que lle corresponden ao pobo galego.

"GOBERNO DE DRÁCULAS"

Tras tomar a palabra para saudar a próxima elección de Maceira como presidente da Mesa, o voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, destacou que a sociedade galega foi protagonista de mobilizacións "masivas", as "maiores manifestacións" en defensa da lingua galega da historia e "as maiores" en defensa dun idioma que se produciron recentemente en Europa.

Fronte a iso, situou as "censuras" da Xunta ou do Goberno central "con esas sancións económicas" por "defender o país" e pedir "que se cumpra o Estatuto". "Non imos tolerar esa tentativa de criminalización", advertiu.

Callón incidiu, así, no lema escollido para estas protestas para chamar á sociedade a dar "outro paso adiante" fronte a este "Goberno de Dráculas" que está a avanzar na "desertización" do idioma. "Non deixaremos de elevar a nosa voz", concluíu.


Publicado o 22/04/2014 en www.galiciahoxe.com

Ligazón permanente