O TSXG declara ilegal a vixilancia do correo persoal realizada pola dirección da CRTVG

29 de mayo de 2014

Sede da CRTVG, en Santiago CC BY-NC-SA PSdeG
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de invalidar os cinco artigos máis polémicos da resolución ditada pola dirección da CRTVG o pasado 10 de xaneiro, nos que establecía a posibilidade de monitorizar as comunicacións electrónicas de todo o persoal da compañía, comezando pola vixilancia das súas contas de correo electrónico e o uso que facían de Internet. A Central Unitaria de Traballadores (CUT), maioritaria no comité de empresa, presentou a comezos de abril unha demanda de conflito colectivo ante o TSXGpor esta norma interna, por considerala un "exercicio abusivo do control empresarial".

O TSXG dálle a razón ao sindicato na súa demanda, deixando sen efecto as medidas adoptadas, pois subliña que a CRTVG vulnerou o dereito do Comité de Empresa a emitir informe previo para defender e representar os intereses dos traballadores e traballadoras cando impuxo a medida de xeito unilateral e obviando á lexislación que ampara negociación colectiva. Na súa reclamación, o sindicato tamén denunciaba o que entendía como un ataque ao seu dereito á intimidade e que violaba o segredo das comunicacións. Ademais, os e as xornalistas da CRTVG sinalaban que a empresa conculcaba deste xeito a liberdade de prensa, o segredo profesional e a confidencialidade das fontes de información. O alto tribunal xa non entra a valorar estes aspectos, dada a gravidade do incumprimento do método que a empresa debe seguir para aprobar unha norma deste tipo.



“Non é só unha magnífica noticia para as profesionais da información que traballan na CRTVG, senón para a clase traballadora en xeral. Calquera medida colectiva deste tipo que as empresas pretendan impoñer sen negociar coa representación sindical será inválida"

A sentenza baséase tanto no incumprimento do Estatuto dos Traballadores coma do Convenio Colectivo da CRTVG, nos que se recolle a obriga da dirección da empresa de "informar previamente" ao Comité de Empresa "sobre as decisións que adopte ao respecto da organización do traballo" e tamén o dereito do Comité de "presentar un informe á empresa con carácter previo á execución das decisións que adopte nos casos de implantación ou revisión dos sistemas de control do traballo".

Para Raquel Lema, responsable da CUT na CRTVG, “non é só unha magnífica noticia para as profesionais da información que traballan na CRTVG, senón para a clase traballadora en xeral e para o sindicalismo. Calquera medida colectiva deste tipo que as empresas pretendan impoñer sen negociar coa representación sindical será inválida”. Lema salienta a este respecto que “neste momento no que, sobre todo a raíz da última reforma laboral, a negociación colectiva perdeu moita forza, que todo un TSXG lle diga á empresa que ten a obriga de informar e consultar coa representación sindical normas que afectan ao desenvolvemento do traballo de todos os empregados e empregadas é darlle un valor á negociación colectiva que a empresa lle intentou negar”.

A sindicalista lembra que neste proceso “negóusenos mesmo o dereito a negociar” e subliña que a sentenza “pon en evidencia o autoritarismo da dirección da CRTVG e a fasciscitación das relación laborais. O TSXG deixa claro que así non se poden facer as cousas, que aínda hai unha marxe moi grande para a negociación colectiva, e que nin coa reforma laboral perdemos este dereito".



Dous traballadores recibiron cartas que lles advertían de que o sistema detectara intentos de acceso a páxinas web que non estaban xustificados polos cometidos do seu posto de traballo

A sentenza, que lle foi remitida ao sindicato nas últimas horas deste mércores, chegou xusto no día en que dous traballadores da CRTVG recibiron senllas cartas que lles advertían de que o sistema detectara intentos de acceso a páxinas web que non estaban xustificados polos cometidos do seu posto de traballo. Nese correo electrónico advertíase tamén de que podían ser sancionados. "Estas cartas fíxolles ver ao conxunto dos traballadores e traballadoras que aquela resolución era grave, que xa estaban monitorizando", sinala Raquel Lema, que destaca que "esas cartas quedan agora sen efecto".



"Parece que ás veces, se se loita, os xulgados tamén nos dan a razón ás traballadoras"

"O ámbito xudicial non debería ser o espazo no que nos movésemos os sindicatos", conclúe Lema, "pero as altas instancias de xustiza deben pronunciarse sobre onde están os límites, sobre todo cando intentan impoñer unhas normas que van máis alá da lexislación. Parece que ás veces, se se loita, os xulgados tamén nos dan a razón ás traballadoras".

Control laboral e control da información

A normativa imposta pola dirección da compañía xerou inmediatas críticas entre as traballadoras e traballadores, antes as que a empresa se xustificou repetindo que o obxectivo era "protexer a información da organización e o bo desenvolvemento da súa actividade". O propio Alfonso Sánchez Izquierdo, cando foi interpelado no Parlamento por esta decisión, defendeu que é unha práctica habitual en moitas empresas.



Para a CUT a medida respondía á preocupación da dirección do ente ante a crecente actividade de denuncia que os e as traballadoras estabas a realizar "dunha política sistemática de manipulación informativa"

Porén, dende a CUT, ademais de denunciar que se trataba dun "exercicio abusivo do control empresarial", sinalaron en máis dunha ocasión que a medida respondía á preocupación da dirección do ente ante a crecente actividade de denuncia que os e as traballadoras estabas a realizar "dunha política sistemática de manipulación informativa". Consideraban, así mesmo, que a medida, ademais de "establecer un réxime de terror no que as pautas contidas na Resolución están redactadas dunha maneira tan ambigua que provocan pánico a posíbeis sancións entre o cadro de persoal”, pretendía limitar a capacidade dos e das xornalistas de investigar e publicar asuntos incómodos para o Partido Popular: “Quen pode, por exemplo, confiar nunha xornalista do medio para realizar unha denuncia de corrupción política confidencial e contrastada en calquera calquera Concello do PP cando todas as súas comunicacións están á vista de Dirección Xeral, principal adalide do partido no Goberno neste centro de traballo?”.
ESPAZO para foto ou resumo de texto



Publicado o 29/05/2014 en www.praza.com