Concentración en Vigo o venres 27 de xuño contra o anteproxecto da nova Lei do Poder Xudicial (e a privatización do Rexistro Civil)

27 de xuño de 2014

Alternativas na Xustiza-CUT participará na concentración do 27/06/2014 en Vigo contra o anteproxecto da nova Lei orgánica do Poder Xudicial, que nos pretende impoñer o peor ministro de Xustiza dos últimos anos



Alternativas na xustiza galega
Levamos dous anos mobilizándonos contra a Lei de taxas, o proxecto de Lei do Aborto, o proxecto de Lei de Seguridade cidadá, a reforma do Código Penal, a reforma do Rexistro Civil e o anteproxecto de Lei orgánica do Poder Xudicial, porque supoñen:


- Un atentado contra a xustiza de proximidade: A eliminación dos Xulgados de Paz provocará que a Xustiza de proximidade desapareza.


- Un afastamento da xustiza da cidadanía: Coa creación dos Tribunais provinciais de Instancia e coa desaparición dos partidos xudiciais todos os cidadáns de Cangas, Vigo, Moaña, Porriño, A Estrada, Lalín, etc terán que desprazarse á capital da provincia para calquera reclamación de dereito.


- Un ataque á independencia xudicial: A reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial e da Lei orgánica do Poder Xudicial, onde se establece a xurisprudencia vinculante do Tribunal Supremo, é un ataque á independencia xudicial. Inténtanse impoñer estruturas xerarquizadas na administración de Xustiza, ao xeito da Fiscalía, onde o Fiscal Xeral manda e o resto, acata.


- Un encarecemento da xustiza: A lei de taxas, obriga aos cidadáns a pagar por reclamar un dereito, chegando a ter que valorar se é rendible facer valer o seu dereito. A lei de asistencia xurídica gratuíta, que limita o uso da mesma, provocará que moitos cidadán non poidan utilizar o Servizo Público da Xustiza. A desaparición de todos os partidos xudiciais e a concentración de todos os xulgados nunha única sede provincial suporá un aumento dos gastos do cidadán para poder acceder á xustiza.


- A derrogación, de facto, da tutela xudicial efectiva, recollida na Constitución, xa que coa Lei de Taxas moitos cidadáns non poderán utilizar o Servizo Público da Xustiza por falta de medios económicos.


- Unha mordaza para a liberdade a opinar, protestar ou disentir: A reforma do Código Penal e da lei de Seguridade Cidadá supoñen que, por exemplo, un cidadán poderá ser multado pola simple participación nunha manifestación.


- A privatización do Rexistro Civil: Porque os cidadáns terán que pagar por trámites até o de agora gratuítos, como a expedición de certificados de defunción, duplicados de libros de familia…, e ese diñeiro irá á conta bancaria privada dun rexistrador da propiedade ou mercantil.


Porque dende Alternativas loitamos e loitaremos contra este conxunto de reformas lexislativas que liquidan o estado de dereito piar básico de toda sociedade democrática, e porque dende Alternativas nos opoñemos á concentración de todos os xulgados NUNHA ÚNICA SEDE PROVINCIAL:




ALTERNATIVAS NA XUSTIZA-CUT CONVOCA:

A TODOS OS CIDADANS, PROFESIONAIS E TRABALLADORES

Á CONCENTRACIÓN QUE TERÁ LUGAR

O PRÓXIMO VENRES 27 DE XUÑO ÁS 21.00 NA PORTA DO SOL



Sen Xustiza, non hai dereitos


SEN XUSTIZA, NON HAI DEREITOS