No soporta Object

Sentenzas e aboamento da paga extra do 2012

1 de xullo de 2014

 Escrito remitido por Alternativas-Xustiza ao Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


Alternativas na xustiza galega

CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓN PÚBLICAS E XUSTIZA
San Caetano,
15704 Santiago de Compostela



O goberno da Xunta de Galicia, do que vostede é Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, caracterizase por dicir, polo menos diante dos medios de comunicación, que respecta as decisións xudiciais. A última vez foi coa sentenza que condenaba por prevaricación a sete concelleiros de Santiago.

Nestas últimas semanas xa son varias as sentenzas que recoñecen o dereito dos traballadores da Administración de Xustiza a cobrar a paga extra do mes de decembro do 2012, e polo tanto declaran non conforme a dereito a supresión da mesma.

Todas estas sentenzas son firmes e condenan á Xunta de Galicia a devolver as cantidades retidas indebidamente.

Non entendemos cal é o motivo para que neste caso a Xunta de Galicia non respecte as decisións xudiciais, sobre todo cando o é para recoñecer un dereito furtado aos traballadores galegos e non unha condena por prevaricación.

Por se a firmeza das sentenzas non fora suficiente -para nos si que o é-, agora algunhas comunidades autónomas, Cantabria, a Comunidade Valenciana ou A Rioxa, xa recoñeceron que farán efectivas as cantidades correspondentes á devandita paga, polo que xa non lles quedan escusas para non cumprir as sentenzas.

No caso de que a Xunta intente atrasar o pagamento da extra utilizando o recurso extraordinario en interese de lei, vostede e o Presidente da Xunta terán que explicar a todos os galegos os motivos desa decisión e, sobre todo, os gastos que isto pode supoñer en xuros e custas procesuais.

Por todo o antes exposto solicitamos que a Xunta de Galicia faga como outros gobernos autonómicos e proceda ao aboamento de xeito inmediato da paga extra do ano 2012 e evite así que máis de 2.500 traballadores teñamos que presentar a reclamación de extensión de efectos e os cidadáns galegos teñamos que pagar, como xa fixemos coa mala xestión das caixas, os pratos rotos dun capricho da Xunta de Galicia.

Galicia, 27 de xuño de 2014

Asdo. Pablo Valeiras Rios
Voceiro de Alternativas na Xustiza