No soporta Object

Alternativas continuará esixindo o mantemento dos actuais partidos xudicias e aposta por unha xustiza eficaz e independente do poder político

1 de agosto de 2014


Alternativas na Xustiza galega


Das declaracións feitas no día de hoxe por Gallardón e Feijóo en relación coas modificacións que se pretenden introducir na redacción da nova Lei orgánica do Poder Xudicial podemos tirar as seguintes conclusións:


1. Que, no fundamental, se mantén a estrutura deseñada pola comisión de expertos: Tribunais provinciais de Instancia e oficinas de tramitación. (Esta iniciativa non supón ningunha ruptura co modelo inicial nin cos obxectivos formulados no proxecto, di a nota)


2. A posibilidade, excepcional resalta a nota informativa, de crear máis dun Tribunal provincial de Instancia queda suxeita ao cumprimento duns requisitos mínimos e que en Galicia soamente cumpren (nalgún caso polos pelos) Ferrol, Santiago e Vigo. En Lugo e Ourense soamente habería un Tribunal de Instancia por xurisdición.


3. Os partidos xudiciais pasan a ser meras oficinas de tramitación (sedes xudiciais do Tribunal de Instancia) e cada Comunidade Autónoma "terá que presentar igualmente unha proposta de acordo cos criterios establecidos na LOPJ, entre outros, a dispersión da poboación, os tempos de desprazamentos á capital de provincia ou o aproveitamento das infraestruturas existentes". É dicir que o mantemento ou desaparición desas sedes xudiciais queda diferida á tramitación da Lei de Planta.


No momento da tramitación da Lei de Planta será cando Gallardon e o goberno do PP aproveitarán para facer a verdadeira poda de Partidos Xudiciais e Xulgados de Paz, que terá como consecuencia o afastamento da xustiza dos cidadáns. O mesmo proceso que coa Educación e a Sanidade. Para o funcionariado, as consecuencias serán amortización de prazas e traslados forzosos.


Do texto da nota informativa publicada polo Ministerio de Xustiza, despréndese claramente que en absoluto está garantido o mantemento dos actuais partidos xudiciais, xa que iso dependerá duns criterios fixados na propia lei e referidos ao número de habitantes, distancias coa capital de provincia ou Tribunal de Instancia, etc. Con esas condicións parece difícil que se podan manter algúns dos partidos xudiciais de Lugo e Ourense, como A Fonsagrada, da Coruña, como Betanzos ou Ortigueira, ou da contorna de Vigo, como Cangas, Marín, etc.


4. Unha mostra máis do afastamento da xustiza dos cidadáns e da concepción burocratizada da mesma é que os asuntos se tramitarán na sede xudicial na que se presenten e, mediante unha repartición provincial, adxudicaranse a un maxistrado do Tribunal de Instancia que, para a resolución de incidentes, probas, vistas e xuízos deberá desprazarse á sede xudicial. Cabe a posibilidade que a repartición provincial realice unha distribución homoxénea entre as distintas sedes para equilibrar o número de asuntos tramitados ou solucionar o atoamento dunha delas. En cada sede xudicial, e dentro de cada xurisdición, haberá asuntos cuxa resolución corresponderá a distintos maxistrados.


5. E os Xulgados de paz pasan a ser Oficinas xudiciais de Paz con funcións, supoñemos, de auxilio xudicial. Temos que ter en conta que a función de Rexistro Civil que desempeñan a día de hoxe, pasará aos Rexistradores Mercantís cando asuman a encomenda do mesmo e se consume, así , a privatización deste servizo.


6. En definitiva, que a proximidade das eleccións municipais e a presión dos alcaldes do Partido Popular obrigan a Gallardón a dar unha pirueta circense para alcanzar o seu fin: acabar coa Xustiza de proximidade e coa independencia xudicial e someter a Xustiza ao control político.


Con esta aparente concesión, Gallardón pretende:


- Que os Alcaldes do PP non teñan máis problemas que os propios das políticas de recortes do propio PP.


- A amortización de cadros de persoal, quen sabe se para xustificar futuras privatizacións, e sobre todo para acabar con calquera posibilidade de alcanzar unha xustiza eficaz.


- Acabar coa Xustiza de proximidade suprimindo nun futuro cercano a xustiza de paz en vez de potenciala.


Dende Alternativas continuaremos esixindo o mantemento dos actuais partidos xudiciais e apostamos por unha xustiza eficaz e independente.