Cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega

28 de agosto de 2014

Diario Oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia número 162, de 27 de agosto do 2014, publícase a Orde do 20 de agosto de 2014 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.


Ligazón


Texto

[...]

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2014/15, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos II e IV, respectivamente.

Os cursos impartiranse entre setembro de 2014 e maio de 2015, en horario de mañá ou de tarde.

[...]

Artigo 4. Beneficiarios/as dos cursos

a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.

Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar; e aquela que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos na letra a) do artigo 3 desta orde. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.

b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

Artigo 5. Solicitudes e prazos

Para os cursos de linguaxe administrativa galega, presenciais e en liña, e para os cursos preparatorios de lingua galega, Celga, as solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso, sen prexuízo da súa presentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Os centros tamén poderán facilitar ás persoas interesadas os modelos que se xuntan como anexos I (cod. ED104G) e III (cod. ED104H) desta orde.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día seguinte á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de setembro de 2014, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 15 de decembro de 2014 ata o 16 de xaneiro de 2015, para os cursos do segundo cuadrimestre.

O alumnado que aspire a participar nos cursos de linguaxe administrativa galega engadiralle ao modelo de solicitude o xustificante de ser persoal das diferentes administracións públicas de Galicia en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun familiar.

Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.

Non obstante o disposto nos parágrafos anteriores, só nos casos de validacións dos niveis correspondentes deberán presentarse as correspondentes copias cotexadas xunto coa solicitude.

En todo caso, se nos arquivos da Administración non consta algún dos anteditos certificados, seralle solicitado á persoa interesada para que o achegue antes de comezar o curso.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Só se poderá facer unha solicitude dun único curso nunha soa escola oficial de idiomas. De existir máis dunha solicitude do/a mesmo/a aspirante, anularanse todas as súas peticións.

[...]