Vitoria xudicial do profesorado dos CELGA

21 de agosto de 2014

As primeiras tres sentenzas do profesorado colaborador dos cursos de lingua galega CELGA veñen de lle dar a razón en todas as súas pretensións ás traballadoras e traballadores da normalización, pasando pola primeira delas, a nulidade dos seus despedimentos. Uns despedimentos considerados xa vulneradores de dereitos laborais e absolutamente inxustificados polo colectivo, que se produciron logo de iniciaren unha campaña de mobilización contra a Administración pola situación de precariedade imposta polo goberno galego que atravesaba o sector.



Esta semana pasada, as sentenzas do Xulgado do Social Nº3 de Compostela, admitían na súa totalidade a argumentación xurídica das asesorías da CUT e da CIG, condenando á Consellería de Educación a pasar pola readmisión das traballadoras, declarando "laboral" a súa relación contratual, con carácter fixo discontinuo (e polo tanto indefinida) e obrigando á administración a pasar polo pagamento dos salarios de tramitación derivados da falta de chamamento destes compañeiros e compañeiras aos seus postos de traballo durante este 2014.



A CUT parabenízase por este éxito destas compañeiras e compañeiros, que vén desmontar o argumentario reaccionario da Consellería de Educación ao servizo da destrución do edificio comunitario da lingua galega. Para esta central é importante advertir que quen siga a obviar o impacto negativo que ten na normalización da nosa lingua a destrución e precarización do emprego neste sector, está a lle facer máis unha vez o xogo ao Partido Popular.



Pola súa banda o blogue http://linguaprecaria.wordpress.com/ está a recoller estes días as reaccións do profesorado do sector.