Alternativas reclama a creación de prazas de Auxilio nos servizos de apoio

11 de setembro de 2014

Escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza.


Alternativas na Xustiza galega
No documento “Modificación de cadros de persoal da Comunidade autónoma de Galicia” verdadeiro “ideario” da visión que ten a Xunta de Galicia do Sr. Feijoo (acabar co sector público para posteriormente poñelo gratis, ou case gratis, en mans privadas), recóllese unha amortización de prazas que afectaría ao 5% do cadro de persoal de Galicia, 106 prazas, a través de xubilacións e concursos de traslado.

No “ideario”, a única proposta decente e, casualidades da vida, á única que non se está a cumprir, é a creación de prazas de Auxilio Xudicial nos servizos de apoio, recollida en acta do 10 de abril de 2012, na que se indicaba literalmente:

Quérese facer unha reordenación das seccións das Audiencias Provinciais, que afectaría a todos os corpos e que afectaría de distinto xeito segundo sexan civís ou penais. Coa reordenación preténdese crear prazas de auxilios nos servizos de apoio, e consolidar algúns reforzos.


Dous anos despois xa hai varias prazas, especialmente nas Audiencias Provincias, amortizadas e ningunha praza de Auxilio creada, nin consolidado ningún reforzo.

Todo iso a pesares de que, en varias cidades, non existen voluntarios suficientes para realizar as quendas e que a Administración ten que solicitar que as asuman, e outras veces impoñer, a traballadores que non están apuntados nas quendas.

Situación propiciada pola propia Administración que obrigou a deixar as quendas a algúns dos seus integrantes co argumento de que "tiñan moita sala nos seus xulgados" (nalgún caso o funcionario en cuestión tiña dous días de sala), o que, en todo caso, non sería un problema se a Administración, e de acordo co reiteradamente solicitado en mesa sectorial, aceptara modificar o sistema de quendas de xeito que se aboasen por atribución feita.

Tamén se intentou a ilegalidade flagrante de nomear a funcionarios do corpo de auxilio con atribución de funcións en distinta orde xurisdicional, sabedores de que hai sentenzas que prohiben esta práctica por ir en contra do regulamento; prácticas que seguiremos denunciando, para o que poñeremos a Asesoría Xurídica do sindicato a disposición dos traballadores que se nomeen deste xeito.

Polo exposto, esixímoslle que se cumpra co recollido no seu día na acta da Mesa Sectorial e no documento “Modificación de cadros de persoal da Comunidade autónoma de Galicia”; É dicir, a creación de prazas de Auxilio Xudicial nos Servizos Comúns de Apoio.

Así mesmo, e de maneira inmediata debe enviar instrucións ás Delegacións Territoriais para que aboen a parte proporcional, en función aos días, a todo funcionario de Auxilio Xudicial que sen estar apuntados nas quendas acepte de forma VOLUNTARIA realizar a atribución.

3 de setembro 2014

Asinado. Pablo Valeiras Rios
Voceiro de Alternativas na Xustiza-CUT.