Benito Montero Prego: ´Probablemente son o primeiro fiscal da historia que empregou o galego nos seus escritos´

7 de setembro de 2014

"Ao principio foi admitido con certos reparos, pero dixen: nen un paso atrás".


Benito Montero Prego
Unha importante representación do mundo da Xustiza en Galicia darase cita o próximo 3 de outubro en Cambados na homenaxe que organiza a Fiscalía de Pontevedra a un dos seus membros máis destacados, Benito Montero Prego, quen se xubila o próximo día 11. Son 44 anos adicados ao Ministerio Público, pero tamén a defensa da lingua e a cultura galega. Unha labor que iniciou cando todavía había moitas reticencias a empregar a lingua propia nos xulgados, sendo o primeiro fiscal en empregar o galego nos seus escritos.


-A súa xubilación vai supoñer un parón nese activismo en prol do galego que o caracterizou na súa traxectoria como fiscal?

-Non, todo o contrario. Sempre estiven moi atento a actividade cultural galega en xeral. Esta comenzou hai 30 anos cando decidín facer todos os meus escritos como fiscal en galego, pero ese activismo tamén chegou a outros ámbitos da sociedade, como na Revista Xurídica Galega, o Couto Mixto, os Premios da Crítica, todos como socio fundador. En fin, que estiven inmerso na actividade cultural galega dende sempre e agora é certo que vou dispor de máis tempo para adicarlle a todas estas cousas, aínda que tamén espero persoalmente ter tempo para ler máis, profundar máis en certos estudios e dentro do que poida, seguir axudando a normalización da nosa lingua e a expansión e ao fomento da nosa cultura.


-E ten algún proxecto en mente no que traballar?

-Cando vas deixar un traballo tan absorbente coma este, entón agólpanse na cabeza moitísimas cousas que un ten pendentes. Penso escribir bastante, ler, estar máis activo nas sociedades en defensa da cultura galega das que participo, pero tamén espero ter tempo para as cousas pequenas, como xogar ao golf, adicarme a miña finca de Carballedo para que as árbores dean bos froitos e cultivar flores ben bonitas para regalarllas a miña muller, aos fillos e a miña neta.


-E pensa que ese traballo que fixo a prol da normalización da lingua galega na Xustiza floreceu como os seus frutais de Carballedo?

-Penso que si. Probablemente eu fun o primeiro fiscal da historia que empregou o galego nos seus escritos e hoxe son xa uns sete ou oito fiscais en Pontevedra que fan todo o seu traballo na nosa lingua. Anteriormente non se facía nada. A única luz, o único facho, era o maxistrado José Juan Barreiro que cando eu empecei él xa estaba facendo cousas en galego. Pero na Fiscalía, ninguén o fixera. En fin, foi algo admitido con certos reparos pero como tiña da miña parte a Constitución pois dixen: "nen un paso atrás, vou facer todo en galego dende agora". Incluso me recomendaban que o fixese en galego pero tamén en castelán pero non quixen porque eu tiña ese dereito. Non son grandes avances pero da nada ao algo hai moito camiño.


-Imaxino que aínda hai grandes dificultades para desenvolverse en galego na administración de Xustiza...

-A nivel de medios materiais si. Especialmente a nivel informático. Se os poderes públicos teñen a obriga de fomentar a lingua propia, indubidablemente a Xunta está a facer moi pouco neste aspecto. E máis, penso que a veces foi incluso contraria a auténtica normalización e utilización do galego na Xustiza. O sistema informático non está en galego e os funcionarios, aínda que queiran, non poden empregar este idioma. Esperemos que a Xunta teña traducido en pouco tempo todo o sistema informático e que cada un utilice o idioma galego ou castelán, o que prefira.


-Hoxe en día hai atrancos para empregar o galego nos tribunais?

-A miña experiencia dime que ningún. Nunca ninguén me puxo obstáculo para empregar o galego. Hai trinta anos, nos primeiros momentos, si que o meu xefe daquela me dicía que igual o tiña que facer tamén en castelán pero eu insistín en facelo so en galego.


-Aínda así, o nivel de emprego do galego na Xustiza está moi lonxe do que vostede desexaría...

-Si, moi lonxe. A miña ilusión sería unha utilización do cento por cento e estamos a falar dun 7, un 8, un 12 por cento. E certo que é moi pouco, un porcentaxe reducido. Pero hai 40 anos non se coñecía na Xustiza nen unha palabra en galego. Hai que remontarse á Idade Media para atopar textos legais en galego, cando era a lingua culta. Hoxe en día son xa miles de sentenzas, providencias, calificacións dos fiscais e escritos dos avogados. Teñamos a esperanza de que a lingua vaia por camiños abondosos e se vaia normalizando o seu uso.


-Son 44 anos de traxectoria profesional como fiscal; toda aquí, en Pontevedra?

-Non. O meu primeiro destino foi en Asturias, onde cheguei no ano 1971. Despois de cinco anos trasladeime a Vigo, onde estiven entre o ano 1976 e 1984. Foi unha etapa preciosa, entre outras cuestións porque coincidiu coa lei do divorcio. Eu trouxen aquelas actividades culturais e sociais que organizara aquel secretario de estado de Xustiza, Enrique Linde, que desenvolvera a lei do divorcio e indubidablemente, moitos compañeiros fiscais daquela época denostaban aquela lei como algo horroroso que traían os socialistas e que iba a acabar coa sociedade. Tiven mesmo algún enfrontamento moi serio pero logrei saír adiante con aquelo e gracias a iso Linde, sabedor da miseria de medios materiais que tiñamos no xulgado de instrución 3 de Vigo (celebrábamos os xuízos nunha cociña dun piso que empregábamos como xulgado) pois concedeume o presuposto para un novo xulgado se eu atopaba os locais. E así foi, o Concello cedeume uns locais detrás do Pazo de Xustiza e Vigo tivo un novo xulgado, o número 3. Como cousa curiosa podo dicir que que foi a primeira vez que nun xulgado había un despacho dun fiscal e mesmo con teléfono. Logo estiven un ano en Tenerife, outra época moi bonita, e finalmente en Pontevedra a partir de 1985.


-Escribindo en galego, apoiando a lei do divorcio..., viña vostede con una nova visión de ver as cousas da existente ata entón, non o miraban naquel tempo como unha cousa rara?

-Un pouco raro si. Por poñer outra anécdota. Naquel momento, calquera delito cometido por un drogadicto esta circunstancia era unha agravante. Penso que eu fun o primeiro fiscal en expoñer na Audiencia a necesidades de cambiar isto de forma radical e solicitaba menos pena para o acusado ao considerar que esta circunstancia era unha atenuante. O drogadicto ten todas as súas capacidades volitivas e intelectivas diminuídas e había que rebaixar a pena. Esto causou certo asombro entre algúns compañeiros e xuíces, non de todos, pero si de algún. E iso ao final foise impoñendo hasta ser recollido no Código Penal. E logo estaba iso de escribir en galego. Era como un bicho raro, rarísimo, en certos aspectos. Despois, do resto, cada un é como é. Eu penso que hai que respectar ao delincuente porque é unha persoa que debe ter sitio na nosa sociedade, e merece o mellor trato da Xustiza de cara a súa reinserción. Por iso eu aparteime da costume que había de utilizar palabras grosas ou ofensivas contra eles.


-Que lle parecen as reformas que se están tramitando no ámbito da Xustiza?

-A dicir verdade non profundei moito nestas reformas porque o meu tempo nesta profesión se acaba e van ser outros aos que lles toque sufrilas ou gozalas. De todas formas hai reformas que me parecen un paso atrás. A lei de taxas é unha delas. Penso que moitos cidadáns non acoden á Xustiza porque lles é cara e polo tanto xa non é universal e para todos. Non digo que non houbera que cortar certos abusos. A lei do aborto creo que é un paso atrás e regresivo. A reforma da LOPJ, ten aspectos beneficiosos e outros regresivos. O que si boto de menos é que estas reformas non se fagan por consenso coa oposición e os xuíces e fiscais.


-Nado en Cambados, fillo adoptivo en Poio..., ten vostede o corazón dividido e co Monte Castrove no medio.

-Home, Cambados é Cambados. Eu sempre dixen que non podía nacer noutro sitio porque é o que levo dentro. Cambados son eu e eu son Cambados. Penso enterrarme en Santa Mariña, ao lado dos meus pais e mirando á Ría de Arousa. En Poio levo 15 anos vivindo e a miña defensa da lingua foi o que levou ao Concello a concederme esta distinción. Tamén lles estou moi agradecido, é o lugar onde vivo e farei o que esté na miña man por Poio. Ambas non son contraditorias.


Publicado o 06/09/2014 en www.farodevigo.es

Ligazón