A finais deste mes comeza na Coruña a presentación telemática de escritos e demandas a través de Lexnet

12 de noviembre de 2014

Nota de prensa-propaganda da Xunta de Galicia. 


O proxecto foi presentado hoxe no Tribunal Superior de Xustiza polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e o maxistrado Manuel Almenar
A Xunta vai poñer en marcha a finais deste mes o programa Lexnet na provincia da Coruña para a presentación de demandas e escritos de xeito electrónico, grazas á cal avogados e procuradores poderán presentar demandas de maneira telemática ou incorporar documentación a un procedemento en marcha.

O proxecto foi presentado onte no Tribunal Superior de Xustiza polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e o maxistrado Manuel Almenar, aos operadores xurídicos, onde o director xeral explicou que esta nova funcionalidade xa está en marcha nos órganos xudiciais da provincia de Pontevedra e implantarase de xeito progresivo en Ourense e Lugo.

Galicia convértese así nunha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet, dentro das actuacións definidas no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Hai que recordar que Galicia xa foi pioneira ao habilitar a presentación telemática de demandas nos casos de afectados por preferentes, que se concentraron nos xulgados específicos creados en Vigo e A Coruña para tramitar estes procedementos.

O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.

Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

Máis de 10 millóns de notificacións en catro anos


Lexnet é unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, utilizando a sinatura dixital. O sistema Lexnet implantouse en Galicia en 2009 e a día de hoxe xa se converteu nun instrumento de traballo tan habitual no ámbito das comunicacións xudiciais, como o teléfono, o fax ou o correo electrónico. O crecemento en canto a usuarios e actividade foi constante nos últimos catro anos, sumando máis de 10 millóns de notificacións. No que levamos de ano, realizáronse preto de 2 millóns de notificacións a través de Lexnet, o que sitúa a Galicia no cuarto lugar por volume no ránking das catorce comunidades autónomas usuarias do sistema.


Ligazón


En realidade, trátase dun proxecto piloto na xurisdición civil