As columnas galegas camiñan xa cara á Compostela para "encher o Obradoiro" o 29N

24 de noviembre de 2014

As Marchas da Dignidade prepáranse para a gran manifestación que o vindeiro domingo en Compostela volverá reclamar "pan, teito e traballo". Co obxectivo de "encher o Obradoiro", os sindicatos, colectivos, asociacións, partidos e movementos sociais que desde a plataforma galega do 22M apoian esta convocatoria prevén unha "grande afluencia" de cidadáns chegados de todos os puntos de Galicia. Pero algúns non viaxarán a Compostela en tren, coche ou autobús, senón que o farán a pé desde distintas localidades para xuntarse todos en Compostela.

Columna de Ponteareas camiñando cara á Compostela

De feito, xa son varias as persoas que camiñan nestes días cara a Compostela. Fano nas denominadas columnas que percorren o país reivindicando outra política e que berran contra os recortes, a troika e as políticas de austeridade que están a afectar milleiros de cidadáns. Malia a chuvia e o mal tempo destes días, o pasado venres foi a Columna do Morrazo a que deu inicio ás andainas levando a cabo a primeira etapa das Marchas para unir Moaña e Cangas. O sábado, as columnas do Sur -a de Valmiñor, Baixo Miño e o Condado- foron as que comezaron a camiñar cara á Compostela.

Antes, polo camiño, foi recibida a Columna do Baixo Miño en Vigo, ao igual que as que procedían de Tui e Tomiño e máis de Ponteareas se xuntaron no Porriño. Todas elas agasalladas con aplausos e foliadas. Foi un descanso para seguir no camiño cara á Redondela, onde os diferentes grupos se xuntaron e puideron gozar dun magosto para repoñer forzas. Desde alí partirán todas as columnas unidas ata Pontevedra, onde se xuntarán coa columna do Morrazo para continuar, xa todos reunidos, cara á capital galega.

Desde o norte, outras dúas columnas camiñarán nestas semana ata confluír no Obradoiro o domingo 29. A de Ferrol partirá este martes 25 ás 12 do mediodía desde a praza Dez de Marzo para ir completando etapas e durmida nos albergues en varios tramos. A primeira das tiradas levará a Columna de Ferrol ata Pontedeume, a segunda ata Betanzos e a terceira deterase no albergue de Bruma -seguindo o Camiño de Santiago-, onde se xuntarán as persoas que se despracen desde A Coruña para continuar todos xuntos cara á Compostela.

A Columna coruñesa, pola súa banda, sairá desde O Burgo o martes 26 ás dez da noite para camiñar ata Abegondo, onde tamén haberá un recibimento. Desde alí, no seguinte día, partirá cara á Bruma, onde se atoparán coa Columna de Ferrol para continuar unidas ata Sigüeiro e facer a última etapa cara á Compostela no mesmo 29N desde as 8.30 da mañá. Será daquela cando entren pola avenida Xoán XXIII para entrar logo no Obradoiro sobre as 11.30. Alí, atoparanse co resto de columnas galegas do sur e probablemente con outra que desde Ourense tamén tiña previsto facer o camiño a pé.

Ademais, desde varios puntos de Galicia as diferentes asembleas que das Marchas da Dignidade hai en diferentes localidades organizan tamén viaxes en autocar para o mesmo 29 de novembro, nunha xornada na que tamén haberá manifestacións noutros puntos do Estado e que será o punto final da denominadas "semana de loita" que deu comezo este luns.

As Marchas da Dignidade protestan ante "o saqueo da sociedade" a mans dunha "cleptocracia bipartidista do réxime do 78" e contra unha débeda "ilexítima e odiosa que os cidadáns non contraeron". Celebrarán manifestacións en case todas as capitais de provincia, coas que prevén xuntar uns cinco millóns de persoas nas rúas o vindeiro domingo. En todas elas repetirase o esquema do 22M, cando columnas chegadas de varias localidades confluíron nun mesmo punto para reivindicar "pan, traballo e teito".

Ver vídeo


Publicado o 24/11/2014 en www.praza.com

Ligazón permanente