Sobre nóminas e pagas extras

29 de xaneiro de 2015




Na nómina deste mes aparecen os conceptos de "recuperación paga extra decembro" e "recuperación paga adicional decembro", correspondentes ao primeiro prazo de "devolución" de 44 días da paga extra de nadal do 2012, que nos fora confiscada polo goberno da Xunta de Galicia.

O aboamento desta cantidade resulta da aplicación en Galicia da disposición adicional décima segunda, da Lei 36/2014, do 26 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para 2015, pola que se fai efectiva a devolución do 25% da devandita paga.

Mentres o funcionariado de Xustiza do ámbito non transferido cobrará este mes, nun só prazo, os 44 días daquela nómina extra, en Galicia aboarase a mesma cantidade en dous prazos.

En relación con este pago convén ter en conta o seguinte:

- Todas as sentenzas ditadas recoñecen o dereito do funcionariado de Xustiza a cobrar a totalidade da paga extra.

- O Tribunal Supremo diante do recurso presentado por un funcionario de Xustiza en solicitude da devolución da paga extra presentou un recurso de inconstitucionalidade por entender que non se podía aplicar con carácter retroactivo a norma que recollía a retirada da paga extra.

- Xa que logo, parece evidente que a medida adoptada no seu momento de non aboar a paga extra foi ilegal.

- A pesar de todas as sentenzas, a Xunta de Galicia trata de atrasar o aboamento da paga extra interpoñendo todo tipo de recursos e solicitando a paralización da tramitación das solicitudes de extensión de efectos, sen importarlle a máis que probable condena en custas por desestimación dos seus recursos.

- Ao mesmo tempo, a Xunta de Feijoo vende diante do funcionariado e da opinión pública a "devolución" da paga extra en cómodos, para eles, prazos: 2015 (25%), 2016 (50%) e 2017 (25%)... e continúa a aplicar recortes nas pagas extras de 2015, 2016 e 2017.

- En 2015, 2016 e 2017, o funcionariado de Galicia, de Xustiza e da Xunta, seremos o único do Estado que veremos reducidas as nosas pagas extras.

- O Goberno de Feijoo establece un calendario de recortes que vai máis alá da propia duración desta lexislatura.


Estes son dos datos. Que cada quen saque as súas conclusións.