Paremos a privatización do Rexistro Civil

3 de marzo de 2015


O goberno de Rajoy –e o de Alberto Núñez Feijoo por imitación, como mono que copia ao humano- ten como fixación criminalizar e acabar cos servizos públicos en xeral e coa Xustiza en particular.

As primeiras medidas que se tomaron por parte do Goberno de Rajoy foron a eliminación da paga extra, de días de vacacións e de asuntos particulares, de descontos por estar enfermo e, para rematar, o “intento” de entrega do Rexistro Civil a notarios e rexistradores e a desaparición dos partidos xudiciais. Dicimos “intento” xa que a mobilización dos traballadores e a cidadanía e as denuncias nos medios de comunicación conseguiron paralizar algunhas destas medidas.

Agora o ministro Catalá, menos lingoreteiro pero igual de inimigo do sector público que Gallardón, volve “intentar” poñer nas mans dos rexistradores o Rexistro Civil. Ao igual que o anterior ministro, pretende "regalalo" a uns “falsos” funcionarios, que cobran por aranceis e que teñen os seus propios empregados, suxeitos unicamente a unha relación laboral e que manexarían datos da nosa vida persoal que deben estar especialmente protexidos por afectar á nosa intimidade.

Non nos enganemos, a "privatización gratuíta" do Rexistro Civil acabaremos pagándoa dobremente, como cidadáns e como funcionarios.

Como cidadáns xa que, máis pronto que tarde, teríamos que pagar entre 10 e 40 euros pro certificacións ou por realizar determinados trámites.

Como funcionarios esta privatización terá como consecuencia que no período entre a entrada en vigor da nova Lei -o 1 de xullo de 2015-, e o peche das oficinas dos Rexistros Civís nos xulgados –o 1 de xaneiro de 2017- se amortizarían todas as prazas deses Rexistros o que, de facto, suporía a desaparición dos concursos de traslado e das ofertas de emprego público en todo o Estado.


Paremos a privatización do Rexistro Civil