Pontevedra: Todos os traballadores dos xulgados mobilizaranse unidos contra a privatización do rexistro civil

12 de marzo de 2015



"Non á privatización do rexistro civil" e "Sen Xustiza non hai dereitos. Non aos recortes" foron os dous lemas que este xoves 'reinaron' nos xulgados da Parda. Varias decenas de funcionarios vestiron camisetas que, en cor amarela, repetían as consignas e escenificaron ante os medios de comunicación a unidade que se xerou entre todos os traballadores xudiciais para alertar os cidadáns sobre a privatización dos servizos do rexistro civil e loitar para que non se produza.

Todos os traballadores, á marxe das siglas sindicais, decidiron poñer en marcha unha campaña informativa e reivindicativa que comezou este xoves cunha comparecencia pública e que ao longo dos próximos meses incluirá información a pé de rúa aos cidadáns, concentracións ás portas dos xulgados para "hacer visible" a situación e unha recollida de firmas que se marca o obxectivo de reunir 500.000 apoios en toda España para poder tramitar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra a reforma da Lei 20/2011 de Rexistro Civil.

En nome de todos os traballadores falou Lola Filgueira, delegada da Xunta de Persoal na Parda, que avanzou que a nivel estatal as mobilizacións incluirán unha manifestación de todo o sector da Xustiza en Madrid nunha data aínda sen fixar para facer ver o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, a súa oposición á reforma legal do Ministerio de Xustiza, oposición que xa amosaran na rúa nos dous últimos anos a través de distintas protestas, pero que agora se incrementa ante a inmediata entrada en vigor.

Os traballadores defenden que o rexistro civil siga sendo público fronte a unha reforma da lei que, segundo alertan, supoñerá privatizar o sevicio en mans dos rexistradores da propiedade. A pesar de que Catalá insiste en que o servizo seguirá sendo público, os traballadores insisten en que o ministro "falta a la verdad" porque caerá en mans duns traballadores que "no son funcionarios públicos en sentido estricto" e que, ademais, teñen empregados con relacións laborais de carácter privado.

Entre outros perigos, alertan de falta de claridade sobre a forma en que se prestará o servizo unha vez que o próximo 15 de xullo entre en vigor a nova reforma da Lei de Rexistro Civil. "No se sabe, no está claro" como se xestionarán determinadas cuestións como os expedientes de matrimonio, as fé de vida ou os certificados de enterramento.

No caso particular de Pontevedra, unha das traballadoras actuais do rexistro, Dores Fidalgo, asegurou que o persoal se comprometeu a garantir que de aquí a xuño se tramiten todos os expedientes de matrimonio e axilizar os procedementos xa en marcha, pero deixaron de dar citas para vodas civís a celebrar despois do 15 de xullo porque "no sabemos qué va a pasar", onde se celebrarán e quen asumirá os trámites. Esta situación repítese en todos os servizos que prestan na actualidade e que pasarán a mans privadas.

Segundo os datos facilitados polos traballadores, na actualidade realizan funcións relacionadas co rexistro civil 33 funcionarios xudiciais na provincia e outras 50 persoas que traballan nos xulgados de paz. Eles seguirán traballando e, como moito, serán trasladados de posto, pero "todos sufriremos como ciudadanos el efecto de esto". Así, aseguran que non se mobilizan como funcionarios, senón como cidadáns afectados por unha medida que implicará que todos pasen a pagar por servizos que ata agora tiñan de forma gratuíta e porque a partir do 15 de xullo, se esta reforma non se paraliza, "se aleja al ciudadano del registro civil" tanto a nivel económico como territorial.


Publicado o 12/03/2015 en  http://pontevedraviva.com

Ligazón permanente