Os funcionarios non se fían da posible "marcha atrás" do Goberno na privatización do Rexistro Civil

24 de abril de 2015


Pontevedra. Un grupo de 25 funcionarios do Rexistro Civil e dos Xulgados concentráronse este venres 24 ante a Audiencia Provincial dentro do calendario de protestas contra a privatización do Rexistro Civil. Esta mañá, o Goberno decidiu aprazar a cesión das funcións do Rexistro Civil aos rexistradores mercantís que tiñan que entrar en vigor o vindeiro 15 de xullo. Así foi anunciado polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, malia asegurar que o Executivo sacará o Rexistro Civil dos Xulgados.

Lola Filgueira, portavoz dos funcionarios do Rexistro Civil de Pontevedra, comentaba que en todo caso non se fían das decisións que poida chegar a anunciar o Gobierno de Mariano Rajoy: "Non nos cremos nada, para os funcionarios de Xustiza e os traballadores do Rexistro Civil en tanto en lei non se vexa plasmado que o Rexistro Civil quedará ao cargo dos funcionarios de Xustiza continuaremos manifestándonos".

A representante indicou que se trata dunha campaña do Goberno para frear as mobilizacións ante a campaña electoral e apuntou a que o Goberno está presionado polos traballadores da Propiedade e "se atopa cunha situación problemática".

Filgueira indicou que ata que vexan un documento onde conste que seguirá a ser un servizo público e gratuíto manterán os seus actos de protesta. Afirmou que xa anteriormente falaban de paralo: "Xa non nos cremos nada do que diga este goberno. Estamos acostumados as súas mentiras".





Publicado o 24/04/2015 en http://pontevedraviva.com/

Ligazón permanente

Foto: Cristina Saiz