Paralizada a privatización do Rexistro Civil, cómpre seguir coas mobilizacións para mantelo dentro da administración de Xustiza

29 de abril de 2015

Comunicado de Alternativas na Xustiza - CUT 




O GOBERNO DO PP É DERROTADO POLOS TRABALLADORES DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA NO SEU INTENTO DE PRIVATIZAR O REXISTRO CIVIL.


  • A unidade do traballadores obriga ao goberno máis privatizador da historia, a RENUNCIAR á entrega do Rexistro Civil aos Rexistradores Mercantís.


  • A renuncia á Privatización do Rexistro Civil convértese na terceira derrota do Goberno do Partido Popular, antes foron a Lei de Taxas Xudiciais e a supresión de partidos xudiciais e a introdución dos tribunais de instancia.


As mobilizacións que se levaron a cabo por todos os traballadores da Administración de Xustiza en xeral, e a de Galicia en particular conseguiron que o Ministro de Xustiza, Catalá, teña que renunciar ao que o xoves daba por feito no parlamento do Estado: a entrega do Rexistro Civil aos rexistradores da propiedade e mercantil.


Ao ministro non lle quedou máis saída que aceptar a derogación, de todas as disposicións aprobadas relativas á privatización do Rexistro Civil, tanto na Lei 18/2014, como no R.D 8/2014. É dicir, desaparece calquera mención Aos rexistradores.


Tamén asume unha “vacatio legis”, ata mínimo mediados do ano 2016, da Lei 20/2011. Incluso abre a posibilidade de ampliar este período.


Unha vez paralizado o proxecto de privatización do Rexistro Civil é imprescindible facerlle entender a este goberno, ou ao que saia das eleccións, que calquera proxecto, ou lei ten recoller taxativamente que o Rexistro Civil será levado por funcionarios da Administración de Xustiza.


Calquera goberno ten que entender que a desxudicialización NON SIGNIFICA QUE OS TRABALLADORES DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA DEIXEN DE LEVAR O REXISTRO, senón que os maxistrados deixen de ser os encargados do Rexistro e se dediquen a poñer sentenzas.


Despois de case 150 anos do Rexistro Civil na Administración de Xustiza non tería sentido que se prescinda da experiencia dos traballadores de Xustiza, dos locais, da dixitalización, dos medios, da proximidade do servizo aos cidadáns, etc.

Dende Alternativas na Xustiza-CUT seguiremos mobilizándonos contra calquera intento de apartar o Rexistro da Administración de Xustiza.


QUEN DICIA QUE NON SE PODIA PARAR A PRIVATIZACIÓN DO REXISTRO CIVIL?