Todo listo para enterrar o rexistro civil, falecido aos 144 anos "cos auxilios espirituais do Goberno"

10 de abril de 2015


Funcionarios xudiciais da Audiencia Provincial de Pontevedra e dos xulgados da Parda realizaron un ensaio xeral do enterro do rexistro civil, un servizo do que aseguran que falecerá o próximo 15 de xullo de 2015 con motivo do proceso de privatización que, segundo os traballadores e sindicatos, implica a entrada en vigor da nova lei aprobada polo Goberno.

Aseguran que a sentenza xa está ditada a non ser que se consiga un paso atrás do Goberno e, para conseguila, este sábado día 11 uniranse á protesta organizada en Madrid e este venres saíron de novo á rúa en Pontevedra cunha manifestación-enterro que rodeou o edificio xudicial da rúa Rosalía de Castro.

Cruz latina incluída, a manifestación serviu para dar a coñecer a necrolóxica do 'Rexistro Civil Español', do que anuncian que morrerá o día 15 de xullo de 2015 á idade de 144 anos, seis meses e 14 días, pois naceu o 1 de xaneiro de 1871, e que o fixo "cos auxilios espirituais do Goberno e a Bendición dos políticos".

Os funcionarios e inscritos pregan aos cidadáns unha oración pola alma do rexistro civil e fanlle chegar os seus agradecementos por "gardar durante toda a súa vida, e con tanto cariño", os nomes dos españois. Fan esa oración en referencia a que, cando o servizo do rexistro civil pase ás mans dos rexistradores mercantís, na súa opinión, os datos persoais da cidadanía deixarán de estar protexidos por funcioanrios con obriga de gardar a confidencialidade e pasarán a mans privadas.

"O rexistro civil non se vende, se defende", berraron os traballadores públicos, que cargaron tintas contra o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, a quen lle preguntaron o por que da reforma da Lei de Regsitro Civiil e tamén "a quen beneficia". "Rexistro civil, público e gratuíto," reclamaron para alertar sobre a privatación dun servizo polo que se pasará a pagar taxas ata agora inexistentes.


Publicado o 10/04/2015 en http://pontevedraviva.com/

Ligazón permanente

Fotos: Mónica Patxot