A falta de previsión da Dirección Xeral de Xustiza provoca o colapso do Rexistro Civil de Viveiro

30 de xuño de 2015


Unha vez máis, a escaseza de medios nos Rexistros Civís e a falta de previsión da Dirección Xeral de Xustiza provocan o colapso no Rexistro Civil de Viveiro.


O Rexistro Civil de Viveiro estaba sendo atendido até o día de hoxe por unha funcionaria do corpo de Tramitación e un funcionario do corpo de Auxilio.

Pero a concesión dunha comisión de servizo noutro xulgado á tramitadora, que tivo que cesar hoxe, e que o funcionario do corpo de Auxilio teña que substituír por vacacións a un compañeiro noutro xulgado, está provocando o colapso do Rexistro Civil, xa que resulta absolutamente imposible atender, e máis neste momento en que os funcionarios comezan as vacacións de verán, correctamente este servizo.

Resulta absolutamente inaudito que a Dirección Xeral de Xustiza non teña en conta as consecuencias que pode provocar o traslado dunha funcionaria e o comezo das vacacións de verán nun servizo que debe atender con carácter urxente numerosos trámites, por exemplo, a expedición das licencias de enterramento, e que non pode quedar o seu funcionamento á boa vontade dos funcionarios do xulgado que, en non poucas ocasións, teñen que adiar o seu traballo diario para reforzar o Rexistro Civil.

Dende Alternativas na Xustiza-CUT demandamos hoxe á Dirección Xeral de Xustiza que, con carácter urxente, proceda ao nomeamento do persoal interino que fora necesario para garantir o correcto funcionamento do servizo público do Rexistro Civil.

En todo caso, queremos deixar constancia de que a única responsable dos atrasos ou disfuncións no funcionamento dos Rexistros Civis é a Dirección Xeral coa súa política de recortes nos medios persoais e materiais que impiden un correcto funcionamento da Xustiza.