A Xunta e o TSXG analizan as necesidades de novos xulgados en Galicia á espera de que o Ministerio cree novas unidades

14 de marzo de 2016

Nota de prensa da Xunta de Galicia.

O Goberno galego falou da posibilidade de asumir máis órganos dos que lle corresponderían, se algunha outra Comunidade renuncia aos seus.



Santiago, 11 de marzo de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde analizaron a carga de traballo dos xulgados galegos e as principais necesidades existentes de cara á creación de novos xulgados.

O Ministerio de Xustiza ten anunciado a súa vontade de crear novos órganos xurisdicionais en 2016, tras anos sen que se puxesen en marcha novos xulgados. Segundo os datos aportados polo Ministerio, a Galicia poderíanlle corresponder dous ou tres novos órganos, aínda que a Xunta xa manifestou a posibilidade de poder asumir algún xulgado máis, se algunha Comunidade renuncia aos seus por cuestións económicas, como xa se ten feito no pasado.

Á espera de que se coñeza o reparto definitivo, Xunta e TSXG analizaron hoxe as necesidades de novos órganos na nosa comunidade, tendo en conta a súa saturación e as cargas de traballo que soporta, segundo datos obxectivos e unha vez analizadas as estatísticas oficiais.

Na reunión tamén se abordaron outros asuntos, como os relativos a novas tecnoloxías e a implantación do expediente xudicial, cuestións de persoal e reforzos e a implantación do Plan de Infraestruturas Xudiciais, que a finais deste ano xa terá todas as súas actuacións en marcha, despois de que se decidise facer a Cidade da Xustiza de Vigo no antigo Hospital Xeral, mentres que a Fábrica de Tabacos de Coruña está en obras e está a piques de adxudicarse os traballos en Pontevedra.

Nese sentido, tamén se abordou a posibilidade de que a partires do ano que vén se leve a cabo un novo plan de infraestruturas fóra das grandes cidades e, de feito, se mencionou concretamente o caso de Tui, onde tanto Xunta como TSXG coincidiron na necesidade dun novo emprazamento para os xulgados.

[Fonte: Xunta de Galicia]

Ligazón permanente