O calendario laboral de Galicia para 2017 inclúe como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo

4 de maio de 2016

Publicado por xunta.gal

  • A normativa estatal fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos elixidos polos concellos
  • Cando os festivos nacionais obrigatorios coinciden en domingo cada comunidade autónoma pode substituílo por outro día de interese
  • Neste caso elíxese o Día das Letras Galegas en lugar do 1 de xaneiro, que cae en domingo
  • O 25 de xullo sempre é escollido entre os festivos estatais que teñen carácter opcional, por ser o Día Nacional de Galicia

Calendario laboral 2017
Preme na imaxe para ampliar

A proposta de calendario laboral galego para 2017 incluirá como festivos propios os días 17 de maio, Día das Letras Galegas, mércores; e o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, martes, segundo o informe que coñeceu hoxe o Consello da Xunta e que posteriormente, terá que ser aprobado por decreto.

A normativa estatal, a través do Real decreto 2001/1983, establece o calendario laboral, que fixa as festas de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Esta normativa establece un máximo de 14 festivos anuais.

Destes 14 festivos, 2 son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigatorio e non substituíbles (1 de xaneiro, Venres Santo, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro).

Ademais, outros dous festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro e o Xoves Santo, que Galicia non cambia tradicionalmente, e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo, que na nosa comunidade sempre se fixa o 25 xa que é o Día Nacional de Galicia.

Se algún dos 9 festivos nacionais de carácter obrigatorio cae en domingo, a Comunidade pode substituílo por outro día que fixe a propia Comunidade Autónoma. Este é o caso en 2017 do 1 de xaneiro, que se substitúe polo 17 de maio.