Recuperación de parte da paga extra do 2013

6 de xullo de 2016

No Diario Oficial de Galicia número 127, do 6 de xullo de 2016, publícase a Lei 7/2016, do 1 de xullo, pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Ligazón permanente



Texto

Exposición de motivos

A Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, aprobou, para o persoal funcionario, unha redución do complemento específico anual equivalente á suma das pagas adicionais correspondentes aos meses de xuño e decembro, pasando a percibirse en doce mensualidades. A devandita medida retributiva estendeuse na lei, por razóns de equidade e xustiza, aos restantes empregados públicos do sector público autonómico, así como ao persoal do ensino concertado.

A Lei, por tanto, reduciu a contía máxima anual do complemento específico para o ano 2013 do persoal funcionario e, nunha porcentaxe equivalente, o correspondente ao resto de empregados públicos e para todos aqueles que perciben retribucións con cargo aos recursos públicos autonómicos. Así pois, con independencia da súa entrada en vigor, a Lei 2/2013 establecía para o persoal funcionario o importe total anual do complemento específico a percibir en 2013, así como a súa percepción en doce pagas. Tendo en conta que as nóminas de xaneiro e febreiro se percibiron conforme o establecido na Lei de orzamentos para 2012 prorrogada, a Administración autonómica, en execución da Lei 2/2013, determinou, na Orde do 11 de marzo de 2013 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o año 2013, a porcentaxe do axuste nas restantes nóminas para alcanzar o importe máximo anual de complemento específico que fixaba a Lei 2/2013, do 27 de febreiro. Polo exposto, para a aplicación de maneira homoxénea da redución e evitar a variación mensual do complemento específico, o axuste efectuouse mediante a supresión das pagas adicionais de xuño e decembro, percibíndose o complemento específico en 12 mensualidades iguais. O axuste para o restante persoal ao servizo do sector público autonómico definiuse na orde citada con base nunha porcentaxe equivalente sobre as retribucións íntegras, tratando de garantir a equidade do axuste entre todos os traballadores públicos.

Porén, o Tribunal Supremo confirmou neste ano a sentenza ditada no seu día en procedemento de conflito colectivo pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se declarou, entre outros pronunciamentos, o dereito do persoal con relación laboral sometido ao V Convenio colectivo único a percibir a paga adicional de xuño de 2013 na parte proporcional á prestación de servizos desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 28 de febreiro de 2013, entendendo que esta non está recollida nas contías efectivamente satisfeitas.

Unha vez confirmada a sentenza, é vontade da Comunidade Autónoma facer efectivas as cantidades que de tal recoñecemento derivan a todo o persoal afectado polo conflito e que, en definitiva, resulta ser o sometido ao V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, para posibilitar a súa percepción sen que teña que recorrer á reclamación individual das devanditas contías.

Neste contexto, a Administración autonómica e as organizacións sindicais representadas na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos iniciaron un proceso de negociación que culminou na sinatura dun acordo acadado coas organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT. Na súa virtude, as partes acordaron a reposición do complemento específico ou concepto equivalente nas pagas extraordinarias a partir do 1 de xaneiro de 2017, que se plasmará a través da Lei de orzamentos para o vindeiro exercicio, e tamén a devolución dos importes deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, que se fai efectiva a través da presente lei.

En aplicación do principio de universalidade que informou o deseño do axuste retributivo da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cómpre facer extensible a recuperación da parte proporcional do axuste polos servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013 ao resto de empregados públicos que viron reducidas as súas retribucións, así como para as restantes persoas que perciben retribucións con cargo aos recursos públicos autonómicos.

Desta forma, a presente lei aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Así mesmo, na Lei recóllense as previsións necesarias para estender a medida ao persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado que prestou servizos entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Por último, a Lei dispón a aprobación do crédito extraordinario necesario para a articulación efectiva das medidas adoptadas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico de Galicia, en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir de acordo coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Artigo único. Retribución de carácter extraordinario para o persoal do sector público autonómico

Un. Retribución de carácter extraordinario para o persoal do sector público autonómico.

1. O persoal do sector público autonómico definido no artigo 13.Seis da Lei 2/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, que prestou servizos entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, percibirá, no que resta de exercicio 2016, unha retribución de carácter extraordinario en concepto de recuperación dos importes efectivamente deixados de percibir durante o ano 2013 en aplicación do axuste retributivo aprobado pola Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na parte proporcional ao tempo de servizos prestados no mencionado período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

2. O importe desta retribución de carácter extraordinario será proporcional ao número de días en activo nos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013 respecto ao total anual da redución retributiva da que fose obxecto o empregado público ao longo do ano 2013. Naqueles casos en que non se estivese en activo na totalidade do período a porcentaxe anterior modificarase ao cómputo de días que corresponda.

3. As cantidades que se aboarán minoraranse nas contías que se satisfixesen por eses mesmos conceptos e períodos de tempo como consecuencia de sentenza xudicial ou doutras actuacións. En ningún caso se lles aboará a mencionada paga aos empregados aos que se lles liquidase no seu día a parte proporcional correspondente aos servizos efectivamente prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

Dous. Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais.

1. Para os efectos do previsto no punto un, para o cálculo das cantidades correspondentes ao mencionado período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, utilizaranse as regras de cómputo aplicables a cada tipo de persoal de acordo co seu réxime xurídico en vigor no momento en que se produciu o axuste retributivo.

2. O persoal funcionario e o persoal ao servizo das institucións sanitarias a que se refiren, respectivamente, os artigos 20 e 21 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, percibirá durante este exercicio 2016 unha retribución de carácter extraordinario equivalente aos importes efectivamente deixados de percibir en aplicación do axuste retributivo aprobado pola Lei 2/2013, polo concepto de paga adicional do complemento específico de xuño de 2013 na parte proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

3. O persoal dos corpos ao servizo da Administración de xustiza a que se refire o artigo 23 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, percibirá durante este exercicio unha retribución de carácter extraordinario equivalente á establecida no número 1 do punto un deste artigo. O seu importe será proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013 en relación á cantidade anual axustada pola mencionada Lei 2/2013.

4. O persoal laboral sometido ao V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia percibirá durante este exercicio 2016 unha retribución de carácter extraordinario equivalente aos importes efectivamente deixados de percibir en aplicación do axuste retributivo aprobado pola Lei 2/2013, polo concepto de paga adicional do complemento específico de xuño de 2013 na parte proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

5. O resto do persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia definido no artigo 13.Seis da Lei 11/2011, do 26 de decembro, así como o persoal incluído dentro dos artigos 17 e 19 da devandita lei, ao que se lle axustasen as súas retribucións por aplicación da mencionada norma e tivese servizos prestados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, percibirá durante este exercicio unha retribución de carácter extraordinario equivalente á establecida no número 1 do punto un deste artigo. O seu importe será proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013 en relación á cantidade anual axustada pola mencionada Lei 2/2013.

6. O persoal ao servizo dos entes instrumentais do sector público autonómico definido no artigo 13.Seis, alíneas f, g, h e i, da Lei 11/2011, do 26 de decembro, ao que se lle axustasen as súas retribucións por aplicación da mencionada norma e tivese servizos prestados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, percibirá durante este exercicio unha retribución de carácter extraordinario equivalente á establecida no número 1 do punto un deste artigo. O seu importe será proporcional ao tempo de servizos prestados entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013 en relación á cantidade anual axustada pola mencionada Lei 2/2013.

Tres. Persoal ao servizo dos órganos estatutarios de Galicia.

Os órganos estatutarios realizarán as operacións precisas para aplicar ao seu persoal a medida recollida no punto un anterior, co seu mesmo contido e alcance.

Catro. Persoal do Sistema Universitario de Galicia.

1. As universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia e as súas entidades instrumentais dependentes realizarán as operacións precisas para aplicar ao seu persoal a medida contida nos artigos anteriores, co contido e alcance sinalado neles.

2. Para os mencionados efectos, as transferencias do fondo estrutural do Sistema Universitario de Galicia incrementaranse na 59/365 parte dos importes reducidos a cada entidade por aplicación do artigo 37.Dous da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Cinco. Persoal do ensino concertado en réxime de pagamento delegado.

1. Co fin de estender a medida ao persoal docente do ensino concertado en réxime de pagamento delegado que prestou servizos entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013, a compoñente dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento dos centros educativos concertados «complemento retributivo da Comunidade Autónoma» incrementarase na mesma contía na que foron minorados os módulos para o sostemento dos centros concertados en aplicación do artigo 59 e anexo 4 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, para os devanditos meses.

2. Para os efectos do aboamento do disposto no parágrafo anterior aplicaranse as cautelas establecidas nos números Un.2 e Un.3 deste artigo.

Seis. Créditos extraordinarios.

1. Para atender as obrigas de pagamento derivadas desta lei, concédese un crédito extraordinario no orzamento da sección 23 «Gastos de diversas consellarías», servizo 02 «Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos», programa 621B «Imprevistos e funcións non clasificadas», capítulo I «Gastos de persoal», artigo 17 «Fondo de recuperación retributiva», concepto 171 «Fondo de recuperación retributiva», por importe de 23.977.872 €.

2. Con cargo ao crédito extraordinario xerado no punto anterior, realizaranse as correspondentes transferencias de crédito para dotar nas seccións do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma os créditos precisos para proceder ao aboamento da retribución de carácter extraordinario recollida nos números anteriores.

3. Ás transferencias que se realicen en aplicación do disposto no número 2 deste artigo non lles será de aplicación a limitación establecida nos artigos 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e 8 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Sete. Financiamento do crédito extraordinario.

O crédito extraordinario que se concede nesta lei financiarase con cargo aos remanentes de crédito en proxección do capítulo I e aos fondos de continxencia a que se refire a disposición transitoria segunda da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, nos que se practicarán as correspondentes retencións polo centro directivo competente en materia de orzamentos para proceder á súa baixa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a consellaría competente en materia de facenda para que dite as normas precisas para a execución do disposto nesta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil dezaseis