Algo cheira moi mal na xustiza de Tui

14 de setembro de 2016

Cando aínda non pasaron 15 días da visita do Xefe Territorial de Xustiza de Pontevedra, anunciando a bombo e platillo o investimento de máis de 30.000 € nunhas fiestras nun edificio absolutamente obsoleto para albergar o edificio xudicial de Tui, escoitamos hoxe pola mañá unhas declaracións de Moises Rodríguez, actual presidente da Xunta xestora do P.P que non teñen desperdicio.

Nestas declaracións a Cadena Ser de Tui o Sr. Moises Rodríguez dicía todo ufano que se gañaba o Partido Popular as eleccións a Xunta de Galicia, tiña a palabra de Alfonso Rueda, Vicepresente de Goberno de Feijoo, de que Tui tería un novo edificio Xudicial.

Dende Alternativas na Xustiza-CUT entendemos, que non compartimos, que en período electoral para certos políticos todo vale con tal de lograr un voto. Pero isto non é óbice para que poñamos en dúbida as declaracións do Sr. Moises Rodriguez por os seguintes motivos:
  • Afirma que nos orzamentos da Xunta de Galicia ven recollida unha partida especifica para o novo edificio xudicial de Tui. Os orzamentos non se presentaron no parlamento, polo tanto NON É MÁIS QUE UN FALAR.
  • Se durante 8 anos de goberno do Partido Popular non se fixo nada por parte do Sr. Rueda, como Conselleiro de Xustiza, por construír unha nova sede xudicial, ¿Por qué temos que crer que se faría para os próximos 4 anos?
  • O propio Alcalde deu traslado a Consellería de Xustiza, e ao propio Conselleiro Alfonso Rueda de tres posibles ubicacións (entre elas un terreo na Avda. da Concordia,Cam-Fram, e o antigo Centro de Saude), ignorando todos os ofrecementos do Alcalde. É máis, o Sr. Alfonso Rueda nin siquera contestou aos ofrecementos.
E o que é máis grave de todo é, que un veciño de Tui, presidente da Xunta Xestora do Partido Popular de Tui, Candidato por Pontevedra ao Parlamento Galego e ex-Alcalde de Tui poda facer semellantes declaracións cando os traballadores do Xulgado Mixto nº 3 de Tui:
  • Levan 6 anos nunha ubicación que era provisional para 1 ano
  • O local non ten ventilación natural xa que non existen xanelas, a fachada do local é un escaparate da antiga tenda, polo que en verán alcánzanse temperaturas altísimas no interior ademais de un considerable déficit de humidade.
  • O aire acondicionado é ineficiente xa que non pode funcionar ao tempo en todas as dependencias. As saídas de aire provocan problemas de saúde nas persoas que ocupan os postos sobre os que están situadas pola potencia do fluxo de aire frío, non distribuíndose este aire de xeito racional e adecuado.
  • O local está na principal rúa peonil de Tui. Nesa rúa celébrase unha vez por semana unha feira que ocupa todo o espazo. Os postos sitúanse xusto diante da porta do Xulgado, e no interior resulta imposible traballar adecuadamente debido aos berros dos feirantes ao outro lado do cristal. Os xuízos se celebran ó ritmo de “vendo bragas bonita e baratas”<
Para Alternativas na Xustiza as declaracións de Sr. Moises Rodriguez, ex-alcalde de Tui, a día de hoxe e con antecedentes expostos ao longo deste artigo “cheiran moi mal”