Novo curso en autoformación sobre atención ás vítimas de delito e información ao cidadán

17 de outubro de 2016

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocan unha actividade formativa de autoformación sobre atención ás vítimas de delito e información ao cidadán destinado a xestores procesuais e administrativos, tramitadores procesuais e funcionarios do corpo de auxilio xudicial destinados nos órganos xudiciais e fiscais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os destinatarios poden acceder aos contidos da actividade sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP e por outra banda, poden solicitar presentarse ás probas de avaliación. Polo tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación nin é tampouco un requisito para matricularse nelas. Porén, só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito ao certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento.

Acceso aos contidos: os xestores procesuais e administrativos, tramitadores procesuais e funcionarios do corpo de auxilio xudicial destinados nos órganos xudiciais e fiscais da Comunidade Autónoma de Galicia poden acceder aos contidos da actividade indicada, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP. A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento ata o 30 de decembro de 2016.

Proba de avaliación: A proba de avaliación realizarase de forma descentralizada nas localidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo o 2 de decembro das 16.30 ás 17.30 horas.

Prazas: 50

Horas certificadas: 30

Matrícula: desde as 8 horas do 11 de outubro ata as 14 horas do 20 de outubro na zona de matrícula da EGAP

Máis información no DOG do 10 de outubro ou na ficha do curso.