Tui. O Vicepresidente Rueda visita a sede do futuro edificio xudicial

13 de decembro de 2016

Despois de anos de reivindicacións e mobilizacións esixindo, xunto cos traballadores, un novo edificio xudicial para a cidade de Tui parece que a Xunta, da un primeiro paso na construción do mesmo.

Hoxe, a pesares de NON estar CONVIDADOS pola Xunta de Galicia, AXG-CUT estivo presente na visita organizada polo Vicepresidente Alfonso Rueda ao centro de saúde da cidade de Tui, case segura futura sede do novo edificio xudicial.

Na visita ao centro de saúde, que quedará baleiro en tres meses aproximadamente, a maiores de AXG-CUT estaban o Alcalde da cidade, o presidente do TSXG, a Xuíz Decana dos Xulgados e o propio Alfonso Rueda, que sí contaban coa invitación preceptiva.

Durante a visita dende AXG-CUT solicitamos diante dos medios de comunicación e de todos os presentes, que mentres non entre en funcionamento a nova sede xudicial se busque unha ubicación «digna» aos traballadores do xulgado nº 3 de Tui. A nosa petición foi apoiada pola Xuíza Decana.

O Conselleiro contestou que para a Xunta é prioritario pechar a construción do novo edificio e que logo, en función dos prazos de execución, estudaría un cambio de ubicación como solicita AXG-CUT.

Da visita sacamos algúns datos interesantes:

  • A Xunta aposta polo centro de saúde coma sede xudicial, descartando a sede de Can-Fran.
  • O edificio ten 3 andares (soto 450 metros cadrados aprox., e o segundo e terceiro con 750 metros cadrados aprox. cada un)
  • No terreo colindante habería posibilidade de habilitar prazas de garaxe.
  • Segundo os técnicos as obras comezarían, previos trámites de cesión dos terreos pola Tesorería da Seguridade Social, adxudicación da obra, proxecto, etc, en setembro do 2017.
  • O prazo para a execución das obras será de 17 meses a computar a partires do comezo das obras (de primeiras o mes de setembro do 2017).

Para AXG-CUT este primeiro paso da Xunta de Galicia é moi importante e resultado das medidas de presión dos traballadores de Tui e AXG-CUT durante meses.

Sen embargo dende AXG-CUT continuaremos esixindo unha nova sede “digna” para o xulgado nº 3 que cumpra coa legalidade (recordade que a situación do xulgado nº 3 está denunciada na Inspección de Traballo por AXG-CUT)