AXG-CUT solicita corrixir as deficiencias que obstaculizan ou impiden a tramitación dixital, nos Xulgados de Instrución 4 e Primera Instancia 12 da Coruña

26 de abril de 2017

"escrito presentado en man ao Subidrector de Medios da DXX"

Na actualidade atópanse tramitando dixitalmente como “experiencia piloto” o Xulgado de Instrución número 4 e Primeira Instancia número 12 da Coruña.


Tendo en conta que os funcionarios destinados en ambos Xulgados están a realizar unha labor encomiable por varias razóns, entre elas, o ter que tramitar tanto en papel como dixitalmente, non entendemos como a Administración, neste caso a Dirección Xeral de Xustiza (Subdirección de Medios) non os dota dos medios materiais necesarios para desenvolver o traballo diario.

É un feito constatable que a Administración de Xustiza sempre se caracterizou por falta de medios materiais e humanos, así como tamén pola implantación urxente de sistemas ou aplicacións cando suceden feitos de gran transcendencia ou alarma social, coma se dun “lavado de imaxe rápido” se tratara.

Pero o que está a suceder nos Xulgados antes mencionados, é o colmo da desidia, pois eles polo conduto regulamentario, comunicaron varias deficiencias que sofren co Minerva, Visor dixital, compatibilidade con outras aplicacións telemáticas, portasinaturas, etc…, así como carencias en canto a medios materiais se refire e que obstaculizan ou impiden o trámite dixital que por parte da Xunta se pretende, E QUE TANTO PUBLICITAN.

Así as cousas, a día da data non se solventaron ningunha delas, como tampouco se lle dotou dos medios materiais solicitados.

Desde Alternativas na Xustiza-CUT, ESIXIMOS que con CARÁCTER INMEDIATO e para corrixir as deficiencias e carencias mencionadas que obstaculizan ou impiden a tramitación dixital, dean as ordenes estimen oportunas para que persoal cualificado acuda ao Xulgado de Instrución número 4 e Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña, a fin de:

 Recoller todas e cada unhas das apreciacións que sexan realizadas polos traballadores e deficiencias que xorden no dia a día na tramitación dixital, co obxectivo de mellorar as aplicacións e programas informáticos.

 Dotar a ambos Xulgados dos medios materiais que lle foron solicitados (a modo de exemplo podemos mencionar, o dispositivo físico que permita asinar ao cidadán).

 A Coruña, 26 de abril de 2017.

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-CUT 
Javier Fernández Castro