Alternativas na Xustiza-CUT pide aos Decanos que soliciten reforzos ó TSXG polas cláusulas solo

30 de maio de 2017

Sr. Xuíz-Decano:

Alternativas na Xustiza-CUT considera que a mellor fórmula para a xestión das cláusulas solo, sobre todo tralo bo funcionamento da experiencia dos xulgados de preferentes nas cidades da Coruña e Vigo, sería a posta en funcionamento nas 7 grandes cidades dun xulgado específico para tratar estas reclamacións.

Así llo fixemos saber por carta pasado día 17 de abril ao Director Xeral, e días máis tarde ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha reunión co Presidente do Tribunal. Temos coñecemento que moitos despachos de avogados teñen paralizadas demandas sobre cláusulas solo a espera das medidas do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Desbotada a nosa proposta, e aprobado o “plan de urxencia” polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que non compartimos, e tomada a decisión de quen as vai tramitar (Xulgados de 1ª Instancia núms: 7 de A Coruña, 2 de Lugo, 4 de Ourense, 14 de Vigo), estamos convencidos que a falta de contestación por parte dos bancos ás reclamacións dos usuarios provocará unha entrada moi importante de demandas nas próximas semanas.

De feito, o propio Consello Xeral do Poder Xudicial manifestou que a solución extraxudicial non evitará un novo torrente de demandas.

Co fin de anticiparnos a unha repartición masiva deste tipo de litixios aos Órganos Xudiciais de Primeira Instancia elixidos, e evitar comprometer a capacidade dos mesmos para dar saída ou resposta aos asuntos doutra natureza, Alternativas na Xustiza-CUT considera imprescindible que o mesmo día que comece a “especialización” en cada un dos xulgados, estean reforzados de maneira inmediata con 2 XESTORES, 2 TRAMITADORES e 1 AUXILIO XUDICIAL co fin de axilizar o tempo de resposta, elevar a seguridade xurídica e aumentar a confianza do cidadán. E dicimos de maneira inmediata porque o proceso de nomeamento de reforzo na Administración é lenta, e retrasala comprometería a capacidade dos xulgados para dar saída ou resposta aos asuntos doutra natureza e os das cláusulas solo e derivados.

Nos casos de A Coruña e Vigo estes órganos xudiciais designados xa van contar dende o 1 de xuño cun “xuíz en prácticas adscrito como reforzo”, en Lugo e Ourense os xuíces de reforzo incorporaranse a partir do 1 de xullo.

Solicitamos que os Decanos das catro provincias remitan ao Tribunal Superior de Xustiza a relación non só dos medios persoais (2 XESTORES, 2 TRAMITADORES e 1 AUXILIO XUDICIAL), senón tamén materiais para o desenvolvemento da actividade diaria, motivo polo que achegamos este escrito coas necesidades imprescindibles para a efectividade e o bo funcionamento desta “especialización” de xulgados aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

En Galicia, 29 de maio de 2017. 

 Pablo Valeiras Ríos 
 Responsable de Alternativas na Xustiza-CUT

Alternativas na Xustiza-CUT