AXG-CUT esixe un punto da orde do día da próxima Mesa Sectorial, para tratar as "posibles irregularidades" acontecidas nas Fiscalías de Galicia

23 de maio de 2017

"escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza"

Con data 05 de maio do ano en curso, remitimos a vostede carta denunciando a confección dun manual de funcións ás costas dos sindicatos e traballadores para os Corpos de Xestión e Tramitación Procesual e Administrativa, así como os de Auxilio Xudicial, todos eles destinados nas Fiscalías de Galicia.

Tamén denunciamos a adxudicación de prolongacións de xornada “a dedo”, sen garantir a Dirección Xeral de Xustiza que todos os traballadores das Fiscalías poidan optar a elas en igualdade de condicións.

Unha vez máis, a Dirección Xeral de Xustiza deu a calada como resposta e o que é peor utilizou ao sindicato de cabeceira para xustificar tanto o manual de funcións ás costas dos traballadores coma a adxudicacións das prolongacións. Para AXG-CUT, aínda que seguramente non a compartamos, a única resposta valida é a da Admón. (non a daqueles que falan por outros por escuros motivos).

Tanto o manual de postos como a forma de adxudicar as prolongacións de xornada, afecta de maneira directa ás condicións laborais dos traballadores. Como recolle a Lei 9/1987 de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e o propio Estatuto Básico do Empregado Público aprobado por Lei 7/2007 na súa artigo 37-2 a) a Dirección Xeral ten que levar ambos temas á próxima Mesa Sectorial por afectar de maneira directa a tódolos traballadores das fiscalías de Galicia. 

Coa lexislación na man, e sobre todo ante a posibilidade de que se cometeran irregularidades á hora de adxudicar as prolongacións de xornada, e ante as informacións de que se esta a negociar entre bastidores un documento que afecta directamente os traballadores das Fiscalías de Galicia ESIXIMOS;

Un punto da orde do día da próxima Mesa Sectorial sobre as adxudicacións das prolongacións de xornada e a situación real da negociación sobre o Manual de funcións nas fiscalías Galegas.

A Coruña, 18 de maio de 2017.

Responsable de acción sindical de Alternativas na Xustiza-CUT 
Javier Fernández Castro

Alternativas na Xustiza-CUT