AXG-CUT solicita convocatoria de mesa técnica para seguir negociando a nova Orde de funcionarios interinos

9 de maio de 2017

"escrito remitido á Subdirectora Xeral de Xustiza"

Ao longo destes anos, dende o seu nomeamento como Subdirectora, o seu departamento actúa da mesma maneira; promete un cronograma de Mesas de Negociación que sempre inicia “con moita forza pero o final nunca se cumpre” (os argumentos para iso son varios, “temos pouco persoal”, “a axenda do Director Xeral”….).

Isto é o que esta a suceder coa negociación da regulación da futura bolsa de funcionarios interinos onde, transcorridos máis de 3 meses dende a último Mesa Técnica, continuamos sen a convocatoria comprometida por vostede mesma.

Para “facilitarlle” o traballo de preparación da Mesa adiantámoslle os principais puntos que quedaron pendentes de concretar e así evitar “calquera tipo de excusas”:

CÓMPUTO ANTIGÜIDADE: Onde AXG-CUT e a maioría dos Sindicatos solicitamos o cómputo dende o ano 1992, data de creación da primeira bolsa publicada de interinos en Galicia.

CURSOS DE FORMACIÓN CONTINUA: A gran maioría dos sindicatos solicitamos unha valoración dos cursos igual a que hai na bolsa actual. Dende AXG-CUT tamén solicitamos a ampliación do límite temporal de 5 anos para valorar os cursos.

CURSOS DE GALEGO. AXG-CUT e varios sindicatos solicitamos a valoración idéntica aos concursos de traslados e promoción (4 ptos por Iniciación e perfecionamento ou CELGA; 8 ptos L. Xurídico Medio é 12 ptos. por L. X. Superior).

TITULACIÓN ACADÉMICA. Dende AXG-CUT solicitamos que o Dereito se valore de maneira distinta segundo o corpo; Xestión,6 ptos; Tramitación e Auxilio, 4 ptos.

CONTROL DOS CHAMAMENTOS. Reiteramos a necesidade de controlar os chamamentos, especialmente os chamamentos urxentes que o único que xeran é sensación de opacidade.

CURSO ELIMINATORIO. AXG-CUT oponse radicalmente a este curso. De non eliminalo levaremos a orde o TSXG por inxusta e discriminatoria.

CESAMENTO POR CAPACIDADE OU RENDEMENTO. Solicitamos a eliminación porque entendemos que titulares é interinos teñen os mesmos dereitos, salvo a fixeza no posto (art. 489.2 da LOPX). Para calquera sanción mesmo réxime disciplinario para titulares e interinos.

Dende Alternativas na Xustiza-CUT solicitamos a convocatoria da Mesa de negociación sobre a futura bolsa de interinos para así poder cumprir a Subdirección e os Sindicatos cunha das súas funcións máis importantes, a negociación das condicións laborais dos traballadores.

En Galicia a 4 de maio de 2017

Asdo. Pablo Valeiras Rios 
Responsable de Alternativas na Xustiza-CUT

Alternativas na Xustiza-CUT