AXG-CUT esixe que se aplique o principio de igualdade para acceder aos cursos de formación

4 de agosto de 2017

"escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza"

En Alternativas na Xustiza-CUT partimos da base de que esa Dirección Xeral é cumpridora da lexislación vixente, que vela pola defensa dos funcionarios de xustiza que traballan no seu ámbito, que fai todo o que está na súa man para melloralos no seu traballo, respectando os seus dereitos.


Polo tanto só podemos achacar a un despiste ou a un cálculo mal feito o que levou á Dirección Xeral a deixar os xulgados do Social e do Contencioso-administrativo, entre outros, sen recibir a formación necesaria verbo da implantación das últimas novidades do programa Minerva, que si recibiron, pola contra, os xulgados doutras xurisdicións, como por exemplo Instrución, Civil ou Penal.

Dicimos isto baseándonos na normativa vixente e o sentido común.

-A normativa vixente di que é un dereito individual dos funcionarios a formación continua e a actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, preferentemente en horario laboral (art. 14. g) do Estatuto Básico do Empregado Público).

-Tamén que manterán actualizada a súa formación e cualificación (art. 54.8 E.B.E.P.).

 -A Lei Orgánica do Poder Xudicial no seu artigo 495.1.d) di que os funcionarios teñen dereito a recibir por parte da Administración a formación necesaria, inicial e continuada, co fin de mellorar as súas capacidades profesionais de forma que lles permita unha mellor e máis pronta adaptación aos seus postos de traballo e lles posibilite a súa promoción profesional.

O sentido común fai entender que a mobilidade dos funcionarios dende o seu posto de traballo está garantida por diversos medios, chámense concursos de traslado (coma o que está pendente de resolución neste intre), así coma as substitucións horizontais e verticais, o nomeamento de funcionarios interinos para calquera xurisdición, ou, en pouco tempo, coa nova regulación das comisións de servizo; por se fose pouco, coa nova Oficina Xudicial que se pretende implantar, na que as rpt´s farán que os funcionarios diversifiquen o seu traballo…

Dende AXG-CUT ESIXIMOS que ese despiste ou cálculo mal feito se corrixa inmediatamente e se permita a tódolos funcionarios de xustiza o exercicio do seu dereito sen discriminación polo posto de traballo que ocupen na actualidade, observando a Lei e, tamén, con sentidiño...

Vigo, 31 de xullo de 2017.

Asinado: Pablo Valeiras Ríos
Responsable de AXG-CUT.


Alternativas na Xustiza-Cut