No soporta Object

A DXX pretende anular os tres días de libranza por horas

15 de decembro de 2017

Sen saber se o Goberno Central vai a modificar a Lei, a Xunta de Galicia toma a decisión de suspender a acumulación do horario.

Unha vez máis a Xunta demostra o seu talante.

Resolución do 15 de decembro de 2017 da Dirección Xeral de Xustiza pola que se suspenden provisionalmente as previsións contidas no artigo 10 da Resolución do 12 de febreiro de 2014 

A Lei orgánica 8/2012, do 27 de decembro de medidas de eficiencia orzamentaria na Administración de Xustiza, pola que se modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo do poder xudicial, deu unha nova redacción, entre outros, ao artigo 503 no que se refire aos permisos do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que traducíase na equiparación destes aos que corresponden ao persoal funcionario da Administración Xeral do Estado. Isto, na práctica, resultou na minoración dos tres días a maiores que o persoal ao servizo da Administración de Xustiza desfrutaba con respecto ao persoal da Administración Xeral do Estado.

No marco desta situación, ditouse a “Resolución da Dirección Xeral de Xustiza do 12 de febreiro de 2014 pola que se ditan instrucións relativas ao uso da tarxeta de identificación persoal, ao control do cumprimento da xornada e horarios de traballo e máis á tramitación das solicitudes de vacacións, permisos e licenzas para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza”, cuxo artigo 10 articulou a posibilidade de que, mediante un sistema de compensación de horas realizadas de xeito voluntario no horario flexible, o persoal ao servizo da Administración de xustiza puidese acumular un número de horas equivalente a tres xornadas laborais e, en consecuencia, a posibilidade de desfrute de ata tres días completos de libranza.

Actualmente atópase en tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados a proposición de Lei orgánica de modificación da Lei orgánica 6/1985 que, entre outras, recolle a modificación do artigo 503 antes mencionado restituíndo a situación previa á adopción de medidas derivadas da crise económica e recollidas nas disposicións contidas na Lei orgánica 8/2012.

Dado que os efectos da aprobación da dita modificación están previstos para o ano 2018, o que implicaría o desfrute para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza de 9 días de asuntos propios durante o dito ano, esta Administración considera oportuno suspender provisionalmente as previsións recollidas no citado artigo 10, deshabilitando así a opción no sistema Kronos da bolsa de horas anual resultante da acumulación de horas no horario flexible con efectos do día 1 de xaneiro de 2018; con independencia de que, se finalmente non se aprobase a modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo do poder xudicial durante o vindeiro ano, se levante a dita suspensión.

De acordo co exposto, oídos os representantes das organizacións sindicais da mesa sectorial da Administración de Xustiza, e en virtude dos Reais decretos 2397/1996 e 233/1998, sobre transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, así como do artigo 15 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

1. Suspender provisionalmente as previsións recollidas no artigo 10 da Resolución desta Dirección Xeral de Xustiza do 12 de febreiro de 2014. pola que se ditan instrucións relativas ao uso da tarxeta de identificación persoal, ao control do cumprimento da xornada e horarios de traballo e máis á tramitación das solicitudes de vacacións, permisos e licenzas para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

2. A presente resolución producirá efectos dende o día 1 de xaneiro de 2018.