Rueda sobre a folga da xustiza: “Agardo que o luns sexamos capaces de chegar a un acordo”

18 de marzo de 2018

"entrevista na radio galega"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresa na Radio Galega o seu desexo de que mañá, na mesa de negociación cos sindicatos, se chegue a un acordo que poña fin á folga dos funcionarios de xustiza. No espazo A Entrevista, Rueda asegura que a Xunta acode á cita de mañá con “ánimo de chegar a un acordo” ao igual que nas citas anteriores.
Exemplo desa vontade, exemplificou, foron as ofertas económicas propostas, “sempre á alza”. Nesa idea, lembrou a última oferta feita para dicir que “hai que poñela en valor” xa que sitúa por riba da media autonómica a remuneración dos funcionarios galegos. Por iso, segundo Rueda, “agardo que reflexionen sobre que se acadou o obxectivo e que o luns sexamos capaces de chegar a un acordo”. Tras insistir en que ese pacto “é moi necesario” e “cada vez máis”, o vicepresidente da Xunta tamén advertiu aos sindicatos que se a actitude é “ir á cifra máis alta ou poñer cifras absolutamente inasumibles” o acordo “vai ser imposible”.