"A responsabilidade da Xunta é rematar co conflito da Xustiza e non dilatalo"

9 de abril de 2018

"A responsabilidade de solucionar o conflito é da Xunta que, paradoxalmente, dilata os prazos para reunirse", di Álvaro García Ortiz, da Unión Progresista de Fiscais


Superados os dous meses de folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, con ducias de milleiros de trámites e xuízos suspendidos, con máis de dous millóns de euros en salarios perdidos polos traballadores e unha nova exhibición de forza e unidade na última manifestación, o conflito permanece enquistado.

O Goberno galego teima en non mudar a súa actual proposta de suba de entre 135 e 105 euros ao mes para cada traballador en función da súa categoría. O comité de folga, que comezara reclamando unha suba de 225 euros, mantense no incremeno de 180 euros. Pero a última reunión celebrouse hai dúas semanas e a Xunta segue sen convocar a outra. O tempo pasa e o persoal recibe o apoio de xuíces e fiscais, que empezaron tamén coas súas reivindicacións e ameazan cunha folga a partir do 22 de maio.


Desde a Unión Progresista de Fiscais (UPF), o seu destacado membro --e anterior presidente-- Álvaro García Ortiz, responsabiliza a Xunta da pervivencia do conflito e insta o Goberno galego a que sente dunha vez. Pola súa banda, Sandra Piñeiro, coordinadora de Xuíces e Xuízas para a Democracia (XpD) en Galicia, insiste no apoio que xa amosara o seu colectivo ao paro, chama á "responsabilidade" e advirte dunha "complicada" situación que se agravará moito máis co paso dos días.

Ligazón á noticia - Praza Pública