O persoal de Xustiza recrúa a súa folga mentres xuíces e fiscais ultiman mobilizacións de seu

5 de abril de 2018

"publicado en praza pública"

Mobilización do persoal de Xustiza en Pontevedra
Movilización en Pontevedra

O conflito na Xustiza en Galicia acentúase. A folga do persoal cumprirá o vindeiro sábado dous meses, batendo marcas de mobilización no sector público e sen trazas dunha pronta solución. Con máis de 20.000 xuízos suspendidos segundo os sindicatos --arredor de 12.000 recoñece a Xunta-- e uns 50.000 trámites aprazados, as protestas recrúan e o seguimento do paro mantense en cifras semellantes ás do inicio dun conflito ao que agora se unen tamén xuíces e fiscais. 

Neste xoves, persoal de Xustiza de Vigo levou a cabo unha viaxe reivindicativa desde a cidade ata Cangas por mar para xuntarse na protesta cos seus compañeiros na sede xudicial no Morrazo. Antes, amosaron o seu malestar ante o edificio administrativo da Administración galega na urbe viguesa. Na Coruña, pola súa banda, unna mobilización percorreu as rúas da cidade desde os xulgados até a praza de Pontevedra. En en Ourense o funcionariado ocupou a ponte do Milenio para amosar o seu descontento. Ademais, houbo mobilizacións no resto de cidades. Foi na 58ª xornada de paro indefinido e cun seguimento que a Xunta cifra en arredor do 30% e os sindicatos entre o 75% e o 85%. Sexa como for, o Goberno galego recoñece que 830 persoas non acudiron este xoves ao traballo.