Unha nova identidade para continuar en movemento

7 de xaneiro de 2019

A CUT muda o seu logotipo coincidindo coa celebración do XX aniversario do sindicato

A nova identidade gráfica é un traballo da cooperativa NUMAX

Cumprimos 20 anos de existencia e pensamos que chegou o momento de mudar o logotipo que nos acompañou e referenciou desde 1999. Esa roda dentada e esa grande estrela que afortalaron as nosas siglas desde o seu nacemento evolucionan neste 2019 para actualizar a nosa identidade ao contexto actual, sempre coa vista posta na esencia inmutable do que eramos e continuamos a ser, pero en movemento constante. Mirade en 20 segundos a transformación:




O novo logotipo

Sentámonos coas compañeiras da cooperativa compostelá NUMAX e xurdiu a proposta. Un lavado de cara aos caracteres tipográficos do vello logotipo, un proceso de síntese ou elementalización do conxunto e unha maior asertividade, sen perda de contundencia. É un salto grande, pero pensamos que respectuoso coa herdanza gráfica do movemento obreiro e que mantén no ollo a filiación co anterior anagrama.


Con esta renovación de identidade pretendemos favorecer o inclusivo, emparentar a imaxe do sindicato coa realidade actual, chegar aos entornos de traballo contemporáneos onde as desigualdades seguen a ser as mesmas malia que as estéticas viraron radicalmente. Substituimos a roda dentada por outra simboloxía de contestación ou desobediencia, esa plantilla de letras cuarteadas coa que pintar lemas con brocha ou aerosol. Emparentamos cos movementos sociais e menos coas ortodoxias partidarias. Pero mantemos a estrela, máis integradora nas súas aristas e cun vermello máis vivo para os medios dixitais. E a corrección de xénero por fin no peche descriptor do logo, que nos unifica a todos e a todas como “traballadoras”.

Seguir lendo