Ferrol

6 de abril de 2014

Bos días dende Alternativas-Xustiza. 


Ferrol: Manifestación xuño 2013
Ferrol: Manifestación xuño 2013
En Ferrol houbo un alcalde que era médico forense (en realidade houbo dous: Quintanilla e Couce Doce) e outro, catedrático de latín e exseminarista, o que levou a un coñero a dicir que o seguinte alcalde tiña que ser un enterrador: despois da autopsia e do funeral había que darlle terra a unha cidade eternamente en crise. O prognóstico aínda non se cumpriu pero o actual alcalde, que é avogado, debe de estar a facer os trámites legais para o enterro.

En Ferrol houbo alcaldes e coalicións de goberno de todo tipo e color: do PSOE co PCG ou con Esquerda Unida, do BNG co PSOE e Esquerda Unida, do PP con Independentes e, por último, do PP con maioría absoluta. Pero, a pesar de todas as probas, non hai forma de atopar un liderado e un equipo de goberno que lle permita á cidade saír da crise á que a conduciu as sucesivas limitacións na construción naval. E non será por intentalo. Para que logo digan que o pobo non sabe o que vota ou que se desentende do que acontece.

En Ferrol houbo folgas xerais e manifestacións nas que miles de persoas cruzaron a cidade, dende o Inferniño ata a praza de Armas, sen que se movese un colector do seu sitio.

O programa "Ruta por las ciudades desahuciadas", de La Sexta columna, ocupouse da crise do sector naval en Ferrol e entrevistou a persoas como Jorge Prieto, exemplo de constancia na loita. Podedes ver o vídeo aquí.

En Ferrol, a cidadanía non se resigna e loita polo seu futuro, como noutros tempos loitou polas liberdades.

En Ferrol, con esta cidadanía, o próximo alcalde será, agora si, un enterrador: o que se encargue de enterrar a corrupción e a incompetencia que nos afoga.

Ligazón permanente