Informe sobre os arquivos xudiciais de Ferrol

28 de decembro de 2014


O arquivo xudicial de Ferrol
Informe

Alternativas na Xustiza Galega-CUT, presentou no mes de marzo un primeiro informe demoledor sobre a situación real dos arquivos xudiciais de Galicia, no que se concluía que os arquivos estaban ao borde do colapso, no mellor dos casos, por:

  • Falta de espazo: expedientes arquivados nos corredores, nas oficinas xudiciais polo chan, formando pilas por riba de estantes e armarios, en despechos de secretarios ou xuíces, apilados nas mesas dos funcionarios...
  • Expedientes estragados pola humidade, que se desfan ao collelos...
  • Nos arquivos e incluso nalgunha oficina xudicial atopábanse como pezas arquivadas: Xiringas, navallas, coitelos e outros obxectos punzantes, bombonas de butano, bicicletas...

Neste informe tamén se denunciaba que todo isto supón un incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais poñendo, a Xunta, en situación de risco a saúde dos traballadores e tamén dos cidadáns que visitan as dependencias xudiciais. Por unha situación idéntica a Xunta de Galicia denunciaría e sancionaría a calquera empresa. “Os que obrigan a cumprir son os primeiros en incumprir”.

A situación dos arquivos xudiciais é tan grave que consideramos imprescindible que a primeira medida a tomar e o aluguer, por parte da Xunta, dunha nave por Provincia, ou inclusive unha en cada unha das 7 grandes cidades, para trasladar as pezas de convicción e os expedientes máis antigos. Con esta medida libraríase espazo para poder reorganizar adecuadamente os arquivos.

Lembremos que nos arquivos de xestión dos edificios xudiciais só deben permanecer os últimos cinco anos de arquivo de cada xulgado, o resto debería ser trasladado ao arquivo territorial correspondente para o seu expurgo e que a realización das tarefas de expurgo e arquivo debería ser a través da creación de equipos de traballo especializados, dedicados en exclusiva ás tarefas de expurgo e arquivo e dotados cos medios humanos e materiais necesarios para unha solución rápida e eficaz do problema do arquivo xudicial.

A pesar da gravidade da situación, que queda reflectida no noso informe, a Xunta de Galicia o único que fixo foron pequenas chapuzas e remendos para dar imaxe de que está facendo algo, ao estilo Nuñez Feijoo. Elimináronse algunhas pezas de convicción, acomodáronse algúns arquivos para gañar algo de espazo.

Na cidade de Ferrol, 9 meses despois destas denuncias a situación segue igual. NON SE FIXO NADA. O arquivo xudicial de Ferrol segue a ter arquivados expedientes dende o ano 1930, hai expedientes arquivados nas oficinas xudiciais dende o ano 2007. A maior parte dos Xulgados de Ferrol non teñen máis espazo para os arquivos, os que existen están sucios, húmidos e, algúns, con restos de cascotes de obra e dun incendio. Algúns Xulgados xa teñen caixas de expedientes –en dobre ou tripla fila- por riba dos armarios da oficina e polo chan. Hai expedientes arquivados nun despacho dun Secretario Xudicial...

E, a Xunta, pretende que os funcionarios, incluso con ameazas de apertura de expedientes disciplinarios, dediquemos tempo destinado ao Servizo Publico da Xustiza a realizar un traballo que debe ser realizado por persoal especializado, arquiveiros. Dende Alternativas opoñémonos rotundamente a que os traballadores destinemos nin un segundo do tempo que temos para a tramitación de expedientes xudiciais e atención ao cidadán aos labores de EXPURGO, xa que:

  • Isto non soluciona o problema dos arquivos por ser un proceso lento e ineficaz. OUTRA CHAPUZA E REMENDO.
  • contribúe a atrasar as actuacións xudiciais, curiosamente cando hai mais casos de corrupción. Pretender sobrecargar ós funcionarios dos órganos xudiciais coas tarefas do expurgo (desenterrar miles de procedementos xudiciais arquivados e realizar os listados dos expedientes que poden ser expurgados) implicaría que tivesen que deixar de realizar outras funcións e aumentaría o atraso das actuacións xudiciais, co que pouco se contribuiría ao bo funcionamento da administración de xustiza.

Dende Alternativas Xustiza defendemos e creemos nun Servizo Público da Xustiza de calidade e polo tanto opoñémonos rotundamente a esta forma de facer as cousas. ¿vanse prolongar durante anos os labores de expurgo mentres os xulgados seguen colapsados polo papel e existe riscos laborais como consecuencia desta situación?, ¿vaise atrasar máis a xustiza para realizar o expurgo? E todo isto por non pór os medios humanos necesarios para realizar o traballo do expurgo de forma sería, eficaz e rápida.


Para descargar o informe completo, en formato pdf, preme aquí