Non son suficientes as declaracións do ministro: As mobilizacións deben manterse até garantir que o Rexistro Civil non se privatizará

24 de abril de 2015

Comunicado de Alternativas na Xustiza - CUT 




Diante do anuncio do ministro de Xustiza da “paralización” da entrega do Rexistro Civil aos rexistradores e da apertura dun proceso de negociación, Alternativas na Xustiza-CUT considera que para que resulten cribles as declaraciones do ministro deben de ir precedidas de medidas concretas que acrediten a vontade negociadora dunha persoa que non tivo reparo ningún en mentir en todas as súas intervencións públicas en defensa da “privatización” do Rexistro Civil.

Xa non nos fiamos do ministro Catalá e, polo tanto, non desbotamos que as súas declaracións sexan un intento de paralizar as másivas protestas contra a privatización do Rexistro Civil até despois da celebración das eleccións municipais.

Por iso consideramos necesario que, como premisa previa para o inicio de calquera negocación, se publique de xeito inmediato no Boletín Oficial do Estado unha nova “vacatio legis” da Lei do Rexistro Civil do 2011.

Nesta negociación, Alternativas na Xustiza-CUT apostará por un Rexistro Civil público, gratuíto e electrónico, dentro da adminstración de Xustiza e a cargo de funcionarios de Xustiza, garantía de independencia e imparcialidade.

En todo caso, durante este proceso, Alternativas na Xustiza-CUT manterá o seu apoio a todas as mobilizacións convocadas polos compañeiros e compañeiras do Rexistro Civil e invita á cidadanía a participar activamente nelas.