"publicado en prensa"
Caballero censura que Feijóo poña en dúbida as nóminas do funcionariado “mentres gasta 30 millóns en reformar despachos”.
Como hai dez anos, pero cos protagonistas intercambiando os seus papeis. En 2009 era o PP o que criticaba como un luxo improcedente en plena crise as obras que a daquela Xunta bipartita acometía na súa sede central de San Caetano, traballos que incluían a remodelación do despacho do presidente con mobles dos que Feijóo prometeu desfacerse pero que segue a empregar. Unha década despois este mércores foi o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o que censurou que Feijóo poña en dúbida o pagamento das nóminas do funcionariado se o Goberno central non lle transfire cartos “mentres gasta 30 millóns en reformar despachos”, en referencia á remodelación do complexo administrativo que ten en marcha a Xunta.
Desde hai uns meses o Goberno galego está a empregar como principal elemento de crítica contra o Goberno central o atraso na transferencia a Galicia de 700 millóns de euros. O Executivo de Sánchez argumenta que esa transferencia, pendente non só a Galicia senón a todas as comunidades autónomas, non a pode facer un goberno en funcións cuns orzamentos do Estado prorrogados.
Ligazón á noticia.- Praza
Etiquetas:
nóminas
,
Xunta de Galicia