Xornada "A xustiza en tempos de incerteza: novidades e retos pendentes"

11 de mayo de 2016


No Diario Oficial de Galicia número 89, do 11 de maio de 2016, publícase a Resolución do 18 de abril de 2016 da Escola Galega de Administración Pública pola que se convoca a xornada A xustiza en tempos de incerteza: novidades e retos pendentes.

Ligazón permanente

Texto:

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase, en colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, a xornada «A xustiza en tempos de incerteza: novidades e retos pendentes», conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

Son obxectivos da xornada, entre outros, analizar, desde distintas perspectivas, os principais retos que se lle presentan á xustiza no momento actual, abordando, entre outras cuestións, a organización xudicial ou a politización da xustiza.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A xustiza penal: luces e sombras.

– O xuíz español: presente e futuro.

– A politización da xustiza.

– Unha visión da sociedade.

– Os problemas da organización xudicial.

– Reflexións sobre o futuro do recurso de casación.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración de xustiza, profesionais do dereito, profesores e alumnos das universidades galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos. Rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 2 de xuño de 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de maio de 2016.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización da xornada e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016