A Xunta aumenta por primeira vez desde o 2008 o seu gasto en asesores

29 de outubro de 2014

O persoal de confianza custará no 2015 case 90.000 euros por semana. 


Xunta tesoira
O gasto da Xunta en asesores aumentará no 2015 por primeira vez desde o inicio da crise. En termos relativos, vai crecer incluso un pouco máis que o orzamento global da comunidade: seis décimas, fronte ao medio punto porcentual que avanzará o desembolso xeral da Administración galega.

No último debate sobre o estado da autonomía, celebrado entre o 7 e o 9 de outubro, as forzas da oposición coincidiran en esixir ao Executivo que utilizase a tesoira non para podar escanos no Parlamento, como pretende, e si para recortar en persoal eventual de gabinete. Pero aquel -queda agora probado- foi un berro sen eco na cova de San Caetano. Os pagamentos a este grupo de profesionais non só non diminuirán o próximo ano, senón que repuntarán lixeiramente, algo ata a data inédito en éraa Feijoo.

Así, os traballadores de confianza do presidente, do seu número dous e dos restantes sete conselleiros custarán aos cidadáns unha media de case 90.000 euros por semana, máis de 385.000 cada mes. Porque, segundo datos contidos no proxecto da Lei de Orzamentos 2015, que estes días se expón con detalle na Cámara, o Goberno popular dedicará a manter asesores 4,62 millóns durante o exercicio vindeiro, un 0,6 % máis que no presente (4.597.123).

Trátase de algo que non ocorría na Xunta desde o 2008, cando o bipartito de PSOE e BNG elevou a factura do persoal de gabinete ata un récord de practicamente 7,1 millóns. A partir de aí, ata o momento, todo foran caídas ou ben conxelacións do gasto, como mostra o gráfico reproducido baixo estas liñas. No entanto, a pesar de que no 2015 vaia producirse a primeira subida neste capítulo orzamentario, a cantidade consignada será a segunda menor en máis dun decenio, un 9,4 % inferior á mobilizada polo último Gabinete Fraga e un 34,7 % máis reducida que a chegada a comprometer polo Goberno Touriño-Quintana.

As contas do Executivo Feijoo non cifran o número de asesores que terá no 2015, un tipo de profesional que se contrata a dedo e cesa automaticamente cando o fan os altos cargos que os empregaron. Con todo, fontes oficiais estímanos nuns 150.

Por departamentos, a xefatura da Xunta, da cal depende a Secretaría Xeral de Medios, absoberá un 31,8 % dos recursos dispoñibles para manter esta clase de nóminas e a vicepresidencia de Alfonso Rueda, outro 15,4 %. No ránking sitúanse a continuación Cultura e Educación, Medio Ambiente, Medio Rural e do Mar e Traballo e Benestar. Péchano Economía, Facenda e Sanidade.


Publicado o 29/10/2014 en www.lavozdegalicia.es

Ligazón permanente