Este sábado sindicalismo e movementos sociais xúntanse en Vigo para tender pontes

26 de novembro de 2015

O sábado 28 de novembro no Centro Cívico de Teis celébrase o I ECONTRO DE SINDICALISMO E MOVEMENTOS SOCIAIS, dende as 10 horas, sendo conscientes de que atravesamos unha situación de pasividade convulsa que o envolve todo.  Entre a rabia e a impotencia, e no estertor de ciclos intensos pero breves de mobilización, a esquerda obreira e popular ten por diante a responsabilidade de afinar os seus instrumentos de combate, xusto cando a contraofensiva neoliberal non amaina.

Dende que no ano 2008 se escenificou unha crise máis que inminente, e que non quixemos ver, producíronse cambios a nivel lexislativo (reformas laborais, penais...) e tamén no nivel da explotación capitalista que nos deixaron en estado de shock. Este tempo, desaproveitado para a reorganización da resposta, foi utilizado para enmascarar progresivamente o binomio explotadores-explotadas/os.

A reacción da clase traballadora, moito menos contundente da que podiamos esperar, veu dada polos movementos sociais e o sindicalismo alternativo, únicos factores que poden condicionar un cambio nas políticas vellas e nas que se din novas. Ora ben, a pregunta que nos facemos é se con iso chega.

Esta pregunta lévanos a moitas outras: son efectivos os movementos sociais disgregados da loita de clases? É o sindicalismo un factor condicionante dos cambios se vive apartado dos movementos sociais? Son ambos os dous modelos tradicionais de movemento social e sindicalismo efectivos no actual contexto?

O I Encontro pretende debater sobre estas cuestións e abrir unha físgoa de esperanza coas respostas. Dende a CUT sabemos que o modelo sindical tradicional está limitado no tempo e, para as nosas bases, é fundamental escoitar e facer achegas para conseguir unha ponte común cos movementos sociais e darlle ao sindicalismo un novo impulso que o convirta en ferramenta de cambio social neste século XXI.

O Encontro é aberto a toda a sociedade porque nela está a forza reactiva para mudar esta situación, nela está a resposta de como debe ser o sindicalismo e a ponte que nos una coa mobilización social.