Parabéns ao pobo: por un futuro sen Altri!

28 de maio de 2024

Había anos que o pobo lúcido e rebelde de Galicia non faciamos unha demostración de forza sendo capaces de romper a narrativa hexemónica. Malia a manipulación e a ocultación mediática oficial non foron quen de ocultar o carácter multitudinario da manifestación celebrada onte en Palas de Rei fronte o proxecto colonial da macrocelulosa de Altri. 

 

Si, a plataforma veciñal Ulloa Viva si que foi quen co seu traballo colosal de informar, organizar e finalmente aglutinar os sectores máis expertos da comarca das terras da Ulloa e tamén do noso país arredor dunha verdadeira unidade obreira e popular cosida con intelixencia e lonxe de pulsións sectarias ou partidistas. Dende a CUT trasladamos os nosos parabéns. 


Cando o discurso reivindicativo é baseado na forza e na humildade do pobo, é transmitido de fronte e é baseado en verdades sen sutilezas, as masas populares -cansas de prácticas politiqueiras- acaban seguindo o chamamento xusto. Aí radica a diferenza daquelas narrativas de goma espuma como as de crer que cos eucaliptos farían “moda galega”, ou aquelas que desmontan a farsa capitalista. 

As compañeiras de Ulloa Viva desde onte teñen un reto inmenso, o de xestionar a vontade desa masa –non só a que estivo onte en Palas de Rei-e convertela en vitoria irreversible fronte a aqueles/as que dende a política patrocinan esta aldraxe colonial. E ollo! Non só dende o apoio descarado do PP de Rueda. As serpes e alimañas saberán desenvolver os seus roles mercenarios, sexa poñéndose de perfil ou coa política de “unha perna aquí e outra no teu tellado”. 

Dende a CUT entendemos que co presente conflito está en xogo o futuro non só medioambiental de Galicia senón tamén o futuro político deste país. O sino final desta batalla acabará determinando correlacións e poñerá no seu sitio a cadaquen. Aínda que moitos e moitas non acaden velo, o cerne deste conflito é o enfrontamento radical do modelo capitalista, colonial de España e da UE fronte á posición dos sectores da Galicia máis conscientes para salvar este país do desastre irreversible. 


Dende a CUT reiteramos os nosos parabéns e o noso cariño ás mulleres e home da Ulloa Viva. Reiteramos a nosa disposición deste sindicato nacional e de clase á colaboración con todo o que con humildade e traballo poidamos achegar para poñer couto a esta nova aldraxe ao país. NON A ALTRI EN PALAS DE REI…!!! NON Á POLÍTICA COLONIAL…!