A penas quedan pegadas. Se cadra feridas que a nosa
franquía xa noné quen de identificar. Pero chegamos aquí
malia ou a pesar da fin do pensamento. Foron quen de
eliminar a memoria da conquista,
a repetición da consigna, que nada se obtén gratis.
Somos sobrantes da cúpula virtual. Pitos sen cabeza
con excedencia de privilexios. O desexo,
ben coutado, dixeron: só vos queda lamentar
as hélices brancas de Manuel Antonio.
(E a risa lacónica de comprobar que o citan só
para fundamentar as derrotas).
Estableceron o límite do dogma na convivencia pacífica
para consumo operario. A guerra de significantes
nunca pasaba pola mesma xustiza que dicían administrar.
Ninguén cinguiu á cabeza o diálogo, nin a nostalxia,
nin a necesidade da conquista. Eles tampouco.
O territorio que nos poñen por diante é o estranxeiro.
Pola rúa ninguén nos recoñece. En momento ningún
ousemos lamentar a soidade,abrir a boca para denunciar
que as condicións laborais das traballadoras da xustiza
non se axustan á orde xurídica que debera ser.
Hai pactos e hai xenocidios.
O dereito que aplicaremos vén despois.
Ou o poñemos nós ou o farán eles.
A orde resultante pode ser prevaricación
de facto ou constituír a base para instaurar
a xustiza laboral dentro da xustiza.
Depende de nós.