No soporta Object

Calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2014

27 de xuño de 2014

Diario oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia 121, do 27 de xuño de 2014, publícase a Orde do 18 de xuño de 2014 sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2014.


Ligazón


Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación aos médicos forenses e ao persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que presten servizos nos órganos xudiciais e fiscais, rexistros civís, oficinas xudiciais, no Instituto de Medicina Legal, nos xulgados de paz e noutras oficinas e servizos da Administración de xustiza de Galicia.


Artigo 10. Días 24 e 31 de decembro

Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas xudiciais, con excepción dos servizos de garda. Cando os ditos días coincidan en festivo, sábado ou día non laborable, compensarase cada día cun día adicional de permiso por asuntos particulares.


Artigo 18. Asuntos particulares

O persoal funcionario ten dereito a gozar dun máximo de catro días anuais de permiso por asuntos particulares sen xustificación ningunha. Para a súa concesión, condicionada en todo caso ás necesidades do servizo, e tras o informe favorable da persoa responsable da oficina xudicial, do/da fiscal superior ou do/da director/a ou subdirector/a do Imelga, se for o caso, terase en conta o seguinte:

a) As persoas interesadas poderán distribuír os días segundo a súa conveniencia, sen que os poidan acumular aos períodos de vacacións anuais. Sen prexuízo do anterior, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, os días por asuntos particulares poderanse acumular aos días de vacacións que se gocen de forma independente.

b) No caso de concorrencia coas vacacións, estas teñen preferencia no seu gozo.

c) De existiren varias solicitudes coincidentes no tempo nunha mesma unidade, deberanse establecer quendas para o seu gozo, sendo neste caso de aplicación os criterios de preferencia sinalados no plan anual de vacacións e concedéndose de tal xeito que non se entorpeza o funcionamento do servizo.

d) Se por algunha causa xustificada non for posible gozar deste permiso antes de finalizar o mes de decembro de cada ano, poderase conceder ata o 31 do mes de xaneiro do ano seguinte.

e) Cando os días 24 e 31 de decembro cadren en sábado ou domingo, este permiso incrementarase en dous días máis.

O persoal funcionario que estea de garda o día 24 de decembro ou o día 31 de decembro, agás que coincidan en sábado ou domingo, terá dereito a un día máis.

f) Incorporarase un día adicional de asuntos persoais por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola comunidade autónoma, cando coincidan en sábado no dito ano.