Contra a privatización do Rexistro Civil

25 de xuño de 2014

Alternativas na xustiza galega
O anuncio feito onte no Senado por Gallardón de que o Rexistro Civil pasará ás mans dos rexistradores mercantís en 2015 ou 2016 é a culminación da política de desprezo aos dereitos dos cidadáns e ás condicións laborais dos traballadores da administración de Xustiza que puxo en práctica dende a súa chegada ao poder o PP e, moi especialmente, o seu ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón.

A privatización do Rexistro Civil é tan só un paso máis no proceso de control político da administración de Xustiza para sometela aos seus intereses políticos e ideolóxicos e para beneficiar aos seus amigos. Non é o único. A aplicación de taxas xudiciais, que na práctica impiden o exercicio dos seus dereitos á cidadanía, a modificación no sentido máis restritivo posible da Lei do aborto, cun contido fortemente moralizante e ideolóxico, que supón un desprezo ao dereito a decidir das mulleres, a reforma, xa aplicada, do Consello Xeral do Poder Xudicial para convertelo nunha mera Dirección Xeral do Ministerio de Xustiza e nun medio de control dos xuíces a través dos expedientes disciplinarios e da política de promocións e ascensos, e a nova Lei orgánica do Poder Xudicial, que afastará a xustiza dos cidadáns e suporá o máis grave atentado aos dereitos dos funcionarios de xustiza xamais cometido, pero que, ademais, esconde no seu articulado todo o programa político do PP de recorte dos dereitos e das liberdades e de control das institucións e, moi especialmente da Xustiza, para poñelas ao seu servizo, son chanzos nun programa político que pretende ocultar a súa corrupción e o roubo dos nosos dereitos e dos nosos salarios

Falan da necesidade de aforamentos e de salvar os bancos, pero en realidade están lexislando para garantirse a impunidade dos seus actos e a repartición do botín cos seus amigos.

Ímosllo permitir?

A resposta a estas agresións ten que ser xa, e dunha vez por todas, o suficientemente contundente para que o medo cambie de bando. É a hora de mostrar abertamente o noso rexeitamento ás súas políticas e comportamentos coa nosa presenza activa na rúa, nas mobilizacións e nas folgas.

Nada é inevitable. Nada é definitivo. Pero temos que actuar.

Por suposto que hai alternativas ás políticas actuais. E na Xustiza, tamén.

Son os nosos dereitos os que están en xogo.


Alternativas na Xustiza Galega